VEGANA

A Fonsagrada chega ao festival de Cans coa curta ‘O que queda de nós’

A curtametraxe galega O que queda de nós continúa o seu percorrido polos festivais galegos. Tras pasar polo Fancine de Lemos e os premios Xociviga, a produtora O Faiado presenta o seu proxecto con Lidia Veiga e María Costas como protagonistas no Festival de Cans e o Galician Freaky Film Festival. Falamos con Miguel Gómez, o director, e Marta Bouzas, a directora de arte.

Lidia Veiga e María Costas en O que queda de nós | Susana Alba

A produtora O Faiado está constituída por 13 estudantes do grao de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo. A partir dunha simple materia, deu comezo este proxecto enraizado na terra e fauna de A Fonsagrada, na provincia de Lugo. Coas actrices María Costas e Lidia Veiga encabezando a historia e a colaboración de Lois Soaxe, Mayka Braña e Iria Gómez, O que queda de nós explora a realidade dunha comunidade. “É a historia dunha nai e unha filla cazadoras que conviven illadas nas montañas, neste caso en Lugo. Todo comeza a complicarse cando perden os cans durante unha xornada de caza. Unha loita de supervivencia cun factor de tensión in crescendo“, explica Miguel Abad, director e guionista da obra.

Iniciando a preprodución en febreiro ata a rodaxe durante cinco días no mes de maio, O que queda de nós supuxo un largo camiño de creación da historia durante o 2021. “Levaba un tempo coa idea na cabeza. Cando a expuxen ao grupo todo o mundo aceptou e tivemos luz verde para comezar a traballar na curta”, comenta o director. “María Costas e Lidia Veiga estiveron implicadas dende o minuto cero. A través de reunións sobre o guion fomos construindo as personaxes, fixeron un moi bo traballo. Engadían nova información co seu punto de vista, foi todo un pracer”.

Se ben o vínculo entre nai e filla é o piar da curtametraxe, a estética ofrecida polos espazos de A Fonsagrada conforman unha personaxe máis na historia. “Grabamos entre Robledo e Seimeira de Vilagocende, onde se atopa unha das fervenzas de maior caída en Galiza, cuns 50 metros de altitude. As vilas ofrecían un espazo natural inexplorado cheo de tradicións e riqueza“, comenta o director. “A imaxe é fundamental no proxecto. É certo que sería posíbel levar a historia a outro territorio e cunha cara diferente, é a maxia do cine, pero A Fonsagrada ofrecía todos os factores que estabamos a necesitar”, engade Marta Bouzas. A tarea de mostrar dúas mulleres nun estado límite non foi nada doado, supoñendo todo un reto para a directora de arte. “O primeiro foi crear un moodboard a partir do guion. A verdade é que tanto Miguel coma eu tiñamos unha idea moi similar na nosa cabeza de como sería a curtametraxe, as cores e a personalidade de cada unha das mulleres marcada polo vestiario“, explica a creadora, “tivemos que envellecer os ponchos rascando o material cun estropallo e amoníaco e lixar as botas. Antes de cada escena era necesario manchar a roupa con terra e follas secas do monte, foi moi gracioso”.

En todo momento nai e filla están acompañadas dunha atmosfera natural envolvente, pero tamén de todo un equipamento como escopetas, radios ou vehículos que foron prestados polos veciños e veciñas de A Fonsagrada. “A vila aceptou desde o primeiro momento a curtametraxe, estivemos coma en casa. Cazadores e gardas forestais ensináronnos todo o que precisábamos facer e colaboraron con material. A axuda do Concello foi un apoio básico no proxecto”, comenta Miguel G. “Queriamos facer unha curtametraxe que pagara a pena e mostrara o concello ao resto do mundo, deixando o territorio preparado para futuros creadores do campo audiovisual”.

Tanto Miguel coma Marta relatan a dura experiencia que foi a rodaxe, caracterizada pola chuvia que supoñía cambios no plan de rodaxe e estar alerta aos erros de rácord. “Non foi nada doado, pero sabíamos ao que nos enfrontábamos. Todo o equipo estaba comprometido en sacar adiante o proxecto da mellor maneira posible“, asegura o director. “Tivemos que facer algún invento para simular a choiva en momentos que non había e manter a liña temporal entre os planos”, afirma a responsable de arte.

Cunha banda sonora creada por Juan Garrido e Manuel Lucas, O que queda de nós invitan ao público a ser partícipe da historia entre os sons da natureza en conexión coa zanfona, creando un ambiente inhóspito no que poucas persoas poderían sobrevivir. Este sábado o público poderá visualizar a peza no Festival de Cans e máis adiante no Galician Freaky Film Festival, a finais e setembro e principios de outubro. Unha curtametraxe para gozar do vínculo e as interpretacións da consolidada María Costas e unha nova Lidia Veiga, que pisa forte nunha industria que é consciente do seu gran talento.

REVISTA OUTUBRO