Piacere: pracer á italiana
Piacere é a nova proposta gastronómica do Pazo Los Escudos. Un restaurante italiano que reúne tradición e orixinalidade nun espazo con salóns luminosos e terraza nos xardíns do pazo.
O maxestoso Pazo Los Escudos, situado a poucos metros da praia de Carril (Alcabre), é un lugar que moitos vigueses observamos con desexo paseando á beira preguntándonos se será posible entrar e botar un ollo. E si, é posible entrar nos seus xardíns e, aínda máis, podemos quedar a comer nalgúns dos seus dous restaurantes: Alcabre, de cociña tradicional galega e Piacere, de corte italiano e con terraza.
Aos mandos da cociña de Piacere está Ricardo, que leva traballando no pazo durante máis dunha década e que participou no deseño dunha carta composta por preparacións clásicas da gastronomía italiana, pero con licenzas; dando lugar a un menú de pratos propios que non existen noutros restaurantes e entre os que non resulta doado elixir.
Sempre con coherencia e respectando o prato orixinal, o equipo deste chef substitúe o bechamel da lasaña por unha nube de queixo de San Simón e po de tomate, ou desparraman unha burrata sobre tomates frescos para versionar a salada caprese, que se serve acompañada de tapenade. Os arancini, croquetas de arroz típicas de Sicilia, están teñen un recheo de cogomelos silvestres, namentres que o risotto, tamén de cogomelos, vén coroado cun un escalope de foie que multiplica a melosidad do prato.
As pastas son frescas e en preparacións moi variadas. Papardelle con boloñesa de tenreira galega, rigattoni con polbo ou uns tortellini artesanais de peixe sapo, gamba e ricotta con salsa americana cítrica e alga codium, que para o cociñeiro resumen o espírito da casa: produto fresco e local, gastronomía italiana e creatividade. Triunfan especialmente os tagliatelle alla routa, un prato famoso en Instagram que se prepara no momento perante o comensal, introducindo a pasta quente con nata nun queixo grana padano e facéndoa xirar para que se impregne deste, con cremoso resultado.
No apartado da pizza non podía ser menos o conto. Pártese dunha masa de calidade, fermentada durante 48 horas ao estilo napolitano e estirada á man, que dá lugar a un disco fino con bordos un pouco elevados e esponxosos, que se cocen nun forno á vista dos comensais. Contan con seis variedades, cinco delas vexetarianas, que van desde a clásica margarita ata combinacións orixinais como a denominada «Los Escudos», con pistacho, cabaciña, tomate seco e un toque de lima.
As racións non pecan de escasas e todos os pratos da carta oscilan entre os 9 e os 20 euros. A comodidade e a calma que ofrece o espazo, situado nun señorial edificio de pedra de inicios do século XX, son parte do encanto, que aumenta se eliximos o salón inferior, con vistas ao mar, ou unha mesa na preciosa terraza. Entreguémonos ao pracer de comer.
Avenida da Atlántida, 106 | 986 82 08 20 | pazolosescudos.com/nuestras-cartas | @piacerebylosescudos | xoves a domingo, xantares e ceas
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024