REVISTA ABRIL

PadThaiWok: a invasión tailandesa en España

A última incorporación á familia gastronómica de Vialia é un restaurante tailandés, o primeiro en instalarse en Vigo. En Pad Thai Wok atopamos pratos de fideos e arroz, curris, sopas, entrantes e sobremesas cociñados de xeito idéntico ao país asiático. Unha oportunidade única para pechar os ollos e coñecer mundo sen necesidade de facer a maleta.

O pad thai é un dos pratos máis fáciles de atopar e queridos polos turistas que visitan Tailandia. Trátase de noodles con ovo, vexetais, brotes de soia e salsa de soia e peixe, que se fan saltar nun wok durante poucos minutos acompañados da proteina elixida e coroados por cacahuetes e lima. Na última apertura de Vialia, PadThaiWok, os responsables deste espazo veneran a simplicidade desta preparación tradicional, que elaboran de xeito moi fiel á orixinal.

Doce anos atrás, Jesús Gámez, un español namorado de Tailandia comezou a cociñar ao wok no chiringuito familiar de Fuengirola. Enseguida o éxito entre levantinos e asiáticos animouno a ampliar o negocio, que hoxe conta con 40 restaurantes en España. O que acaban de abrir no Centro Comercial Vialia ten unha decoración moi coidada, que imita unha rúa do país asiático a través de muros grafiteados, portas, ventás e letreiros de neón e nos pon en contexto para a degustación.

REVISTA ABRIL

A pesar de ser unha cadea, e da rapidez coa que se preparan os pratos tailandeses nun wok, non estamos ante un restaurante de comida rápida, entendendo esta como feita a base de preciñados e ingredientes insanos. En Pad Thai Wok atopamos “cociña rápida, pero de calidade”, como apunta o socio da cadea en Galicia, José Cruz. Aquí os pratos elabóranse con ingredientes frescos e saudables, como os vexetais, as proteínas e os mfideos chineses ou o arroz, aderezados con especias, chiles e salsas exclusivas e moi saborosas “de fórmula secreta, como a CocaCola”, bromea Cruz. Ademais, importan a gran maioría das materias primas desde Tailandia, para que os sabortes sexan o máis parecidos posible aos que nos atopariamos no antigo reino de Siam. “Produtos como o polo, as hortalizas e a alfábega poderíamos atopalos aquí, pero non saben igual”, explica Cruz.

Ademais dos famosos fideos, a carta inclúe moitas outras especialidades thai como os curris verde, amarelo e vermello (en orden ascedente de picante); a aromática sopa Tom Yum, de setas, chile e lemongrass e as cuncas de arroz e vexetais salteados con ovo fritido. Tamén atopamos pratos pensados especialmente para o público vegano e algunhas opcións para celíacos. 

Para beber, unha cervexa Singha, a lager decana en territorio tailandés. Un thai mango cup, elaborado con arroz, leite de coco e mango será a sobremesa perfecta.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.