REVISTA ABRIL

La Mesa de Conus, cociña de autor en directo

La Mesa de Conus é unha das propostas máis orixinais que atopamos no panorama gastronómico galego. Sen perder de vista a esixencia pola calidade e a innovación gastronómica, o chef Víctor Conus ofrece a un número reducido de comensais un espectáculo diario de cociña en directo.

Víctor Conus no seu restaurante

Ferrán Adriá afirmou que a cociña é o novo rock and roll; como mesías da nova onda de estelares cociñeiros que é o cociñeiro catalán, algo debe de saber. Cada vez coñecemos máis os nomes de quen está ao mando dos fogóns; as caras dos cociñeiros ocupan os lugares das revistas antes exclusivos dos cantantes e as propostas, cada vez máis  innovadoras, son acotío comparadas con outras expresións artísticas, facendo real o que foi unha forma de falar: a arte culinaria. Podemos citar nomes internacionais da alta cociña, pero quen está ao mando da gastronomía propia?

Un deses nomes que resoa con forza pola calidade e orixinalidade (de verdade) da súa proposta é Victor Conus. Catalán formado e curtido nas cociñas andaluzas que chegou a Vigo por traballo e decidiu abrir o seu propio restaurante poucas semanas antes da chegada da pandemia. Malia o contratempo e non estar nun barrio céntrico, La Mesa de Conus non pasou inadvertida e o seu singular gastroespectáculo conta con lista de espera.

Estamos ante unha proposta insólita; unha mestura entre a cociña e o espectáculo coa que o cociñeiro Víctor Conus elabora un menú en directo para unha ducia de persoas sentadas nunha barra en torno aos fogóns, proximidade que supón unha experiencia nova para o comensal e que o chef defende como «a cociña do presente e o futuro».

Parte da graza está na sorpresa, pois non sabemos cal vai ser o menú, que cambia semanalmente, nin con quen tocará compartir mesa de xeito familiar. Mesmo a elección do viño pode ser un xogo en que o cociñeiro non desvela a botella ata o último momento. O menú é secreto, pero con certas constantes: produto de proximidade e de temporada. Tamén sabemos que consta de tres entrantes, un prato de peixe, outro de porco ibérico e un postre. En total seis pratos que veremos preparar e servir a Víctor en riguroso directo.

REVISTA ABRIL

No verán, será habitual degustar pratos con bonito, xarda e tomates da horta que o cociñeiro ten en Nigrán, na que tamén recolecta os legumes que sirve. «Cociñarei seguro con fabas frescas», adiántanos, pero prefire non dar máis pistas sobre o contido dos próximos menús. Así e todo, coñecemos os entrantes: croquetas de cana de lombo de landra e de xamón ibérico de landra da marca Doña Lola, na edición especial limitada «La Consentida»; un produto elaborado por seu pai entre Estremadura e Huelva, bautizado en honor á filla do chef.

O único xeito de desfrutar desta experiencia gastronómica é reservando con antelación e sendo moi puntuais, para sentar á mesa canda o resto de comensais. O horario de verán é de martes e mércores para xantar ás 14:30 e os xoves, venres e sábados para cear ás 21.

Rúa de San Roque, 3
698 17 48 73
@la_mesa_de_conus
https://lamesadeconus.com/


The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.