CAMELIAS MASCOTAS

Pablo Lesuit e Cómplices dan comezo ao festival de bandas locais

Este venres iníciase unha das propostas máis demandadas deste verán: unha serie de concertos de artistas locais polos diferentes barrios da cidade. Pablo Lesuit e o dúo Cómplices serán os primeiros dos 39 músicos que encherán Vigo de música. O resto da fin de semana tamén actuarán Fon Román, Amaro Ferreiro, Frans Banfield, Wöyza, Baby Katze e Broken Peach. Todos estes concertos, como o resto deles, serán ás 22:00 e de balde, con capacidade máxima limitada por orde de chegada.

Ante a imposibilidade de realizar os concertos de Castrelos e outros festivais como O Marisquiño e o Vigo Sea Fest, desde moitos sectores da cidadanía e da cultura pedíase unha maior participación de bandas locais neste verán tan estraño que estamos a vivir. Aínda que o anuncio fíxose esperar, a principios de mes confirmouse a proposta que este venres comeza a andar: 39 bandas repartidas en 15 días de concertos ao longo e ancho da cidade.

O pistoletazo de saída darao Pablo Lesuit este venres na Porta do Sol, un cantautor de pop e folk cuxas composicións nútrense da música latinoamericana, polo que as súas cancións forman unha amalgama de xéneros moi fresca e orixinal. En febreiro lanzaba o seu segundo disco, Belorizonte, un traballo gravado ao longo de varios anos entre Arxentina, Uruguai, Brasil e Vigo.

El e a súa banda compartirán escenario con Cómplices, o dúo formado por Teo Cardalda e María Monsonís. Esta veterana parella leva desde 1987, cando Cardalda deixou a mítica banda Golpes Bajos, xirando e sacando discos ao mercado. Tras 14 álbumes, son recoñecidos tanto en España como en Latinoamérica.

Ao día seguinte, no torreiro de Liñares (San Miguel de Oia), teremos triple actuación. A primeira será a de Fon Román, ex guitarrista de Los Piratas, banda viguesa por excelencia nos 90. O ano pasado sacou La chispa, la llama y el humo, un traballo íntimo, coidado e luminoso que o trouxo de volta aos escenarios tras uns anos fóra deles.

Tras el virá Amaro Ferreiro, irmán e fiel escudeiro doutro dos ex-Piratas, Iván Ferreiro. Tras actuar no Festival Terraceo o mesmo día que Alejo Stivel, o do Val Miñor terá unha nova oportunidade de presentar en casa o seu novo traballo Personajes Secundarios.

Por último, o músico arxentino Frans Banfield, un habitual da nosa escena en grupos como Phantom Club ou en solitario con Los Hijos del Rigor. Frans mantén o espírto rockeiro de bandas pioneiras no Estado como Los Rodríguez ou Tequila. E falando deles, na última visita de Ariel Rott a Vigo, tamén no Terraceo, Banfield exerceu como teloneiro.

REVISTA NOVEMBRO

Para pechar a semana, o domingo 23 a festa trasládase ao torreiro de Coia con forte presenza feminina. Abrirán a velada Wöyza e Babykatze. A primeira, que vén de actuar nas Festas de Pontevedra, traerá a súa mestura de hip hop, soul e danza en directo. Pola outra banda, a Babykatze xa a puidemos ver en eventos como O Marisquiño, o aniversario de Dot, o festival Vigo Emerxe e novamente no Terraceo, polo que é posible que xa coñezamos a súa electrónica minimalista de melodías melancólicas, ritmos potentes e letras intensas.

Para rematrar, poñerán a nota final Broken Peach, un sexteto de rock e soul do máis divertido que nos últimos anos está a gozar dun gran recoñecemento debido as súas curiosas versións de temas tan coñecidos como We Are the Champions, Bad, Umbrella, Crazy in love, Personal Jesus ou This is Halloween. Ollo, esta última con case catro millóns de visualizacións en YouTube.

Así queda a programación completa:

  • 21 de agosto. Pablo Lesuit e Cómplices, na Porta do Sol
  • 22 de agosto. Fon Román, Amaro Ferreiro e Frans Banfield, en Liñares (San Miguel, torreiro da festa)
  • 23 de agosto. Wöyza e Babykatze, e Broken Peach, no torreiro de Coia
  • 27 de agosto. Lorena Freijeiro, Sabela Cereijo, Isga Collective e Xardín desordenado, en Lavadores, no torreiro da festa
  • 28 de agosto. Villanueva, Eladio y los seres queridos e Santi Araujo, no Pau de Navia
  • 29 de agosto. Margarida Mariño e a Coral Casablanca, no parque da Riouxa
  • 30 de agosto. Aphonnic e Soul Jacket, en Candeán, novo espazo de lecer e festas
  • 3 de setembro. Coro Koda, Tony Lomba, Sara Peral e Frankie Valencia, en Sárdoma, ao carón da Igrexa 10
  • 4 de setembro. Cuarteto Caramuxo e Son Trío, na Praza do Berbés
  • 5 de setembro. Juanjo Rodal, La buena vida e Le Barluthiers, en Cabral, no torreiro da festa
  • 6 de setembro. Mitic e Black Stereo, en Matamá, no torreiro da festa
  • 10 de setembro. AFF’60, Maryland e Isius, en Beade, no torreiro da festa
  • 11 de setembro. Óscar Avendaño, Family Folk e Indy Tumbita, en Bembrive, explanada do centro cultural
  • 12 de setembro. Presumido, Maldito Murphy e Sótano de Babel, na alameda de Bouzas
  • 13 de setembro. Tony Lomba e The Banded, en Zamáns, no torreiro da festa