UVIGO
FILLOAS

Recta final do festival de bandas locais

O verán está chegando ao seu fin e o festival de bandas locais tamén. Desde o xoves ata o domingo teredes a última oportunidade para ver a artistas da cidade tocando polos barrios de Vigo. AFF’60, Maryland e Isius visitarán Beade; The Bo Derek’s, Family Folks e Indy Tumbita & the Voodo Bandits estarán en Bembrive; Presumido, Maldito Murphy e Sótano de Babel actuarán en Bouzas e Tony Lomba e The Banded, en Zamáns. Como sempre, os concertos serán ás 21:00 e de balde, e lembrade lebrar abrigo, que á noite refresca!

Presumido nun concerto o ano pasado na Fundación Sales | P. Vázquez

O xoves 10 chega a música a Beade, no torreiro da festa. Unha festa na que haberá que estar sentados e mantendo a distancia, pero festa ao fin en ao cabo. Abrirá o trío AFF’60, formado polos irmáns Cunha (Alberto e Andrés) e Rafael Otero ‘Feluco’, no que interpretarán versións de cancións míticas da década dos 60 en España. Con máis de dez anos de traxectoria, o grupo de pop punk e rock alternativo Maryland serán os seguintes en subir ao escenario, onde interpretarán a súa característica música melódica e poderosa, con moito protagonismo para as guitarras. Por último, a banda de indie rock ISIUS, que vén de sacar este ano Fox & Castles. A súa música lembra a bandas internacionais como Nada Surf ou Silversun Pickups.

A programación continúa cun interesante triple concerto en Bembrive, fronte ao Centro Cultural Helios. The Bo Derek’s, a banda liderada por Oscar Avendaño, presentará o seu disco 10, unha oda ao pub rock e ao rock and roll sen complexos. Os irmáns Lorre, Jorge e Rufus, seguirán sobre o escenario, esta vez para tocar con Family Folks, banda de folk con influencias de blues, soul, rock e música de raíz americana. Por último, Indy Tumbita & the Voodoo Bandits ofrecerán un recital instrumental no que mesturará rock, surf, western, cumbia e todo o que se lle pase por diante ao talentoso guitarrista vigués.

A alameda de Bouzas acollerá a penúltima xornada de concertos, que abrirán El Sótano de Babel, banda que parte do pop alternativo que muta cara o rock máis electrificado, flirteando entre medias con xéneros como o rap, a electrónica ou o funk. Despois actuarán Maldito Murphy co seu country rock pegadizo, cun son que lembra a artistas como Quique González ou Nacho Vegas. Por último, o dúo de pop electrónico Presumido, cuxo éxito non deixa de medrar nos últimos anos grazas aos seus traballos Vendetta e Cuatro Estaciones.

O final deste festival será en Zamáns, no torreiro da festa. Alí actuará novamente Tony Lomba, artista que non precisa moitas presentacións: irreverencia e música lixeira por bandeira. Por último, o grupo de versións The Banded, capitaneados polo cantautor inglés Adrian Timms, serán os encargados de dar a nota final a esta iniciativa que agardamos se repita todos os anos.

Así queda a programación desta última semana:

  • 10 de setembro. AFF’60, Maryland e Isius, en Beade, no torreiro da festa
  • 11 de setembro. The Bo Derek’s, Family Folks e Indy Tumbita, en Bembrive, explanada do centro cultural
  • 12 de setembro. Presumido, Maldito Murphy e El Sótano de Babel, na alameda de Bouzas
  • 13 de setembro. Tony Lomba e The Banded, en Zamáns, no torreiro da festa
CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.