VIALIA
bannerPicnicSesions

Pablo Lorenzo (El Contrabajo) : “Este será o verán das bandas locais”

Con 14 anos de historia, El Contrabajo está consolidado como un dos buques insignia da música en directo en Vigo. Bandas emerxentes da cidade, jams de reggae, e músicos internacionais formaban parte do bullicio habitual nesta sala de xoves a domingo, pero a pandemia calou a música. O último concerto que recorda Pablo da súa sala foi o 7 de marzo. 139 días despois, este xoves 23 de xuño, Lorenzo levantará a persiana da sala axudado polos seus amigos os Hermanos Cunha, que inauguran unha atípica tempada de música en directo.

Pablo Lorenzo (na dereita) posa co anterior dono de El Contrabajo Rafa Chao

Fixéstesvos de rogar á hora de reabrir despois do estado de alarma. A que se debe?

Polas características do noso local, adaptarnos ao último DOGA requeriu un proceso. El Contrabajo é un local estreito no que habitualmente non temos mesas, polo que houbo que romperse a cabeza para conseguir que todo o mundo teña o seu asento e poidamos garantir as medidas de seguridade e hixiene que a lei marca. Por outro lado, necesitamos que abrir sexa rentable e tanto os grupos coma eu poidamos retomar a actividade sen perder cartos.

En que consistiu o proceso de adaptación?

Como as mesas normais non nos caben, colocamos tabliñas abatibles na parede, conseguindo crear nove mesas, algunhas para só dúas persoas e outras nas que podemos sentar ata seis. Isto déixanos cunha capacidade máxima de 36 persoas, que variará en función das reservas, menos da metade das 80 que entraban antes.

Recomendas logo facer reserva?

Absolutamente. Facilítanos o traballo e evita que a xente quede na porta coas ganas. En todos os carteis estou incluindo o meu número de teléfono para ese fin. [617 619 440]

Ademáis da adaptación á nova normativa, atoparemos novidades na programación de El Contrabajo?

Con todos estes cambios, coido que non precisamos máis novidades, pero podo contarche que, por adaptación máis que por gusto, estou poñendo en marcha xunto aos artistas a posibilidade de ofrecer un segundo concerto. Unha vez completo o aforo para a sesión das 22:30, abrimos outra quenda ás 20:00. No concerto de Tinta do venres xa o temos en marcha.

Hai cousas que non cambian e a tempada comeza coa actuación de Los hermanos Cunha, un clásico sobre o voso escenario

Por suposto, os Cunha son práctiamente residentes en El Contrabajo e ademais do concerto, Alberto Cunha estará no escenario todos os xoves de agosto en solitario. Son colaboradores, axúdanme a programar, son bos amigos… débolles cando menos dárlles datas nas que actuar, pois tanto as salas como os músicos o estamos a pasar mal.

Combinades aos veteranos con novas voces viguesas, como Tinta ou Adrian Timms, nunha programación de artistas 100 % viguesa

REVISTA ABRIL

Si, este será o verán das bandas locais e estou contactando a tantas como podo, precisamente por esa necesidade que vexo de axudarnos os uns aos outros. Tiñamos a Tinta programados para marzo, non o puidemos facer e tiñamos moitas ganas de os ter con nós, por iso foron os primeiros que contactei. En outubro, se a situación o permite, comezaremos a programar grupos de fóra que xa temos apalabrados.

Falas moito da solidariedade entre músicos e salas, botas de menos que vos boten unha man desde as institucións?

Quero entender que hai prioridades máis importantes agora mesmo que non son a cultura, pero si creo que se nos está deixando de lado. Estamos aguantando, eu teño outro traballo, pero seguro que moitas salas non poderán abrir ou pecharán aos meses, especialmente pola redución do aforo, que desploma os beneficios unha barbaridade.

23xul22:30Los Hermanos CunhaCONCERTOS | 5,00€22:30(GMT+02:00) El Contrabajo

24xul22:30TintaCONCERTOS | 5,00€22:30(GMT+02:00) El Contrabajo

30xul22:30Ari MagritteCONCERTOS | 5,00€22:30(GMT+02:00) El Contrabajo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.