REVISTA ABRIL

Esta semana chegamos ao ecuador do festival de bandas locais

E xa estamos na terceira ronda deste peculiar festival de bandas locais, que desde o xoves ata o domingo percorrerán os barrios de Sárdoma, Berbés, Cabral e Matamá. Os artistas que se subirán aos respectivos escenarios serán Coro Koda, Tony Lomba, Sara Peral e Frankie Valencia;  Cuarteto Caramuxo e Son Trío; Juanjo Rodal, La buena vida e Le Barluthier; e Mitic e Black Stereo.

Tony Lomba actuando o ano pasado na Porta do Sol | P. Vázquez

Continúan os concertos de bandas locais polos barrios. Despois de sete xornadas de música, con desigual asistencia de público (Porta do Sol chea, Navia semi baleira), este xoves chegamos ao ecuador desta especie de festival de artistas da cidade. En principio, a hora marcada para o inicio dos concertos eran ás 22:00, mais a pasada semana todos foron adiantados ás 21:00, hora á que comezarán todos os que restan.

A primeira parada é Sárdoma, ao carón da igrexa, onde actuarán Coro Koda, Tony Lomba, Sara Peral e Frankie Valencia. Germán Fandiño, o nome que se agocha tras Tony Lomba, é de sobra coñecido nestes lares, coa súa música enérxica e irreverente e a súa voz poderosa e desgarrada. Unha das novidades do cartel é a participación de Sara Peral e Frankie Valencia, dous músicos que se coñeceron durante o confinamento tocando cada un no seu balcón. Este dúo de piano e trompeta poderá facer chegar a súa música máis aló da rúa Rosalía de Castro, que foi onde comezou esta particular aventura musical.

Desprazámonos ao Berbés, onde terán lugar os concerts do Cuarteto Caramuxo e Son Trío. O primeiro é un sexteto formado por catro clarinetistas, un acordeonista e unha percusionista que reinterpretan a música tradicional galega desde unha óptica contemporánea na que se mesturan unhas composiciones elaboradas cunha grande delicadeza e cheas de connotacións a todo tipo de estilos musicais. No segundo caso, as tres intérpretes, que teñen unha ampla experiencia artística por separado participando en diversos proxectos musicais, únense para crear Miña Almiña, un ciclo de 10 cancións románticas e sensibles con toques de jazz con música orixinal e letra de Rosalía de Castro.

REVISTA ABRIL

E do centro saltamos a Cabral, concretamente ao torreiro da festa. Alí teremos triple actuación de Juanjo Rodal, La buena vida e Le Barluthier. Juanjo Rodal é un novo cantautor que realiza versións acústicas coa súa guitarra, e posiblemente o músico máis novo nesta edición de Vigo en Festas. La buena vida tamén propón versións de temas coñecidos de diferentes xéneros, neste caso en formato dúo. Por último, Le Barluthier, inspirados na fantástica obra de Alessandro Baricco Novecento, xorde a idea dun diminuto piano de cola cuxa caixa de resonancia converteuse en barra de bar con billa e todo. É dicir un piano con dobre utilidade, un pianobar literal e itinerante único en Galicia!

Rematamos a nosa mini xira no torreiro de Matamá, que acollerá os concertos de Mitic e Black Stereo. O novidoso espectáculo de folk rock Mitic volve a Vigo tras encher o teatro Afundación o pasado decembro, nun show de dúas horas que mestura música e cinema e que ten na gaita a súa gran protagonista. Pola outra banda, o grupo de versións Black Stereo traeranos o mellor da música de raíz negra: rock, soul, funk, swing, jazz, R&B e blues, todo iso coa inconfundible voz de Toño López de The Soul Jacket.

A continuación, todas as datas dos concertos que quedan:

  • 3 de setembro. Coro Koda, Tony Lomba, Sara Peral e Frankie Valencia, en Sárdoma, ao carón da Igrexa
  • 4 de setembro. Cuarteto Caramuxo e Son Trío, na Praza do Berbés
  • 5 de setembro. Juanjo Rodal, La buena vida e Le Barluthier, en Cabral, no torreiro da festa
  • 6 de setembro. Mitic e Black Stereo, en Matamá, no torreiro da festa
  • 10 de setembro. AFF’60, Maryland e Isius, en Beade, no torreiro da festa
  • 11 de setembro. Óscar Avendaño, Family Folk e Indy Tumbita, en Bembrive, explanada do centro cultural
  • 12 de setembro. Presumido, Maldito Murphy e Sótano de Babel, na alameda de Bouzas
  • 13 de setembro. Tony Lomba e The Banded, en Zamáns, no torreiro da festa