VIALIA
CAMELIAS NADAL

O festival de bandas locais continúa esta fin de semana cunha variada oferta

Despois do éxito da semana pasada na Porta do Sol, Liñares e Coia, os concertos de bandas locais polos barrios continúan de xoves a domingo. Os artistas que subirán ao escenario estes días serán Lorena Freijeiro, Sabela Cereijo, Isga Collective, Xardín desordenado, Villanueva, Eladio y los seres queridos, Santi Araujo, Margarida Mariño, Coral Casablanca, Aphonnic e The Soul Jacket. Todos comezarán ás 22:00 e serán de balde, con capacidade máxima limitada.

Santi Araujo actuando no Vigo Emerexe no Museo do Mar, o ano pasado | P. Vázquez

O xoves 27 o torreiro da festa de Lavadores recibirá nin máis nin menos que catro mini concertos duns 25 minutos cada un. O primeiro será o de Xardín Desordenado, formado por músicos de distintas orixes, pero como punto común o jazz, que musican poetas galegos, baixo ritmos desde o swing e blues ata a bossa nova e o bolero. Tras eles virá Sabela Cereijo, polivalente artista que ten traballado tanto en teatro musical con Nacho Cano ou Teo Cardalda como en coros gospel de máximo nivel estatal. Na actualidade está embarcada na súa carreira en solitario presentando o seu último disco Siguiendo el juego. Despois será a quenda de Lorena Freijeiro, intérprete e docente de gaita galega, e primeira muller licenciada en gaita galega, á idade de 24 anos, no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Lorena ficará no escenario, xa que despois actuará xunto ao resto dos seus compañieros do ISGA Collective, un grupo que mestura o folk e o post-rock coa electrónica, ofrecenedo unha proposta vangardista que mestura presente e tradición.

E chega o venres co mellor do pop rock local no PAU de Navia. Josete Villanueva é un dos referentes do indie galego con tres discos no seu haber, un deles de recente factura. Despois teremos a Santi Araujo, ex La Familia, que o ano pasado presentou un elegante e fermoso EP titulado Catedral. Folk de calidade que xa percorreu festivais como o Vigo Emerxe, Noroeste ou PortAmérica. Por último, Eladio y los Seres Queridos por fin poderán presentar o seu último traballo, Academia, en Vigo. Despois de aprazar o concerto de presentación ao 25 de setembro, este venres tocarán algunhas cancións do novo disco e algúns dos seus éxitos máis recoñecidos.

Saltamos ao sábado a ritmo de música sinfónica. O parque da Riouxa acollerá primeiro a actuación da violoncelista Margarida Mariño, membro do Ensemble Galería e a OSV430, á vez que desenvolve o seu proxecto en solitario fusionando o violoncelo clásico con electrónica. Despois virá a Coral Casablanca, referente nacional e estatal absoluto, a máis lonxeva de Vigo e a máis laureada de Galicia.

CAMELIAS NADAL

Para rematar a semana nada vai mellor que un pouco de rock. O novo espazo de lecer e festas de Candeán será testemuña da noite máis cañeira do festival, comezando con concerto de The Soul Jacket, sobresaínte banda de aroma sureño que mestura xéneros como o rock, o blues, o soul, o folk ou o country. Por último actuará a Aphonnic, banda de metal cun son moi característico que vén de sacar disco este ano, titulado La Reina. Como anécdota, foron a última banda local en subirse ao escenario de Castrelos, teloneando a Anthrax no 2016.

Así queda o resto da programación:

  • 27 de agosto. Lorena Freijeiro, Sabela Cereijo, Isga Collective e Xardín desordenado, en Lavadores, no torreiro da festa
  • 28 de agosto. Villanueva, Eladio y los seres queridos e Santi Araujo, no Pau de Navia
  • 29 de agosto. Margarida Mariño e a Coral Casablanca, no parque da Riouxa
  • 30 de agosto. Aphonnic e The Soul Jacket, en Candeán, novo espazo de lecer e festas
  • 3 de setembro. Coro Koda, Tony Lomba, Sara Peral e Frankie Valencia, en Sárdoma, ao carón da Igrexa 10
  • 4 de setembro. Cuarteto Caramuxo e Son Trío, na Praza do Berbés
  • 5 de setembro. Juanjo Rodal, La buena vida e Le Barluthiers, en Cabral, no torreiro da festa
  • 6 de setembro. Mitic e Black Stereo, en Matamá, no torreiro da festa
  • 10 de setembro. AFF’60, Maryland e Isius, en Beade, no torreiro da festa
  • 11 de setembro. Óscar Avendaño, Family Folk e Indy Tumbita, en Bembrive, explanada do centro cultural
  • 12 de setembro. Presumido, Maldito Murphy e Sótano de Babel, na alameda de Bouzas
  • 13 de setembro. Tony Lomba e The Banded, en Zamáns, no torreiro da festa

E se queredes ir facendo as tarefas, aquí vos deixamos unha playlist con cancións de cada un dos artistas: