O restaurante vigués Patouro gaña a Mellor Tapa no MUFF
Tras catro días nos que a gastronomía e a cervexa foron os protagonistas, xa coñecemos o podio dos vencedores á Mellor Tapa (con Patouro á cabeza) e o gañador á Mellor Tiraxe e Cata. O Mahou Urban Food Festival volve consolidarse como unha das citas gstronómicas de referencia na nosa cidade.
Despois da súa repentina cancelación o 17 de abril, volveu o Mahou Urban Food Festival (MUFF), antes coñecido como ‘Mercado de Sabores’. Arredor de 10.000 persoas se pasaron por este evento organizado por Mahou, que converteu a Vigo na capital gastronómica por catro días cun concepto que uniu cervexa, gastronomía e música, esta vez no hall do auditorio Mar de Vigo.
Doce foron os establecementos participantes no concurso deste ano, que contou coas tapas de Intenso (A Coruña), A Horta do Obradoiro (Santiago), Manolo Mañanitas (Cangas), Regato (Redondela), Taberna Atlántica (Vigo), Mijo (Vigo), María Manuela (Vigo), Garden (Vigo), Pintxoteca Mar (Vigo), La Carpintería (Vigo), Patouro (Vigo) e Adega das Caldas (Ourense).
Os encargados de facer bailar e cantar aos asistentes foron Sofía Ellar (xoves 23), Broken Peach (venres 24), Smile (sábado 25) e as sesións dos DJ’s locais DJ Edu Romero, DJ Bruno BAW (Mondo Club e Radar Estudios) e DJ Chuti (Calma Chicha).
O primeiro posto foi para o restaurante Patouro (Vigo), coa súa tapa “Génesis”, cuxos ingredientes principais son: ourizo, ramallo de mar, nata, cebola, allo, pemento moído, pemento, sémola de trigo, tapioca, pataca e limón. O segundo foi para Mijo (Vigo), co seu “Pepito Pig”, unha reinterpretación do cocido, con cacheira curada e salgada, rabo de porco, unto, carne de tenreira, pito, costela de porco, lacón, touciño, garavanzos, pataca, chourizo e repolo. Por último, a medalla de bronce foi para o restaurante Pintxoteca Mar (Vigo) pola “Caza de Alambraba”, que leva sangacho de atún, miso vermello, foue de pato, nabo, caldo dashi e viño tinto. No concurso de tiraxe o Premio ao Mellor Tirador foi para David Fernández, do restaurante María Manuela.
O xurado nesta edición estivo composto por Carlos Maribona, crítico gastronómico de ABC; Rafa Centeno, chef do restaurante Estrella Michelin Maruja Limón; Marta Valcarce, blogger gastronómica viguesa e Olga Galán, xefa de estudos da Escola de Hostalería de Vigo.