O espazo artístico CUBO pecha as súas portas
Hai un mes Alfons Freire, a persoa detrás do espazo artístico e expositivo CUBO, anunciaba que Paisaxe e memoria sería a última mostra do local, pois decidira cesar a súa actividade tras catro anos. Os motivos, como é habitual neste tipo de decisións, son variados: a pandemia, a reducción de visitantes, a ausencia de axudas por parte dos organismos… Quedamos con Freire en CUBO para dialogar sobre este adeus.
En novembro de 2018 botaba a andar CUBO, un espazo artístico e expositivo aberto a novas ideas e novas formas de crear e presentar a arte. Detrás deste proxecto estaba Alfons Freire, artista e pensador nado en Vigo e criado en Barcelona. Freire quería trasladar á cidade olívica un concepto multidisciplinar moi habitual en Cataluña: “A idea tivo moi boa acollida naquel momento”, lembra, e destaca o apoio do Ateneo Atlántico e do crítico de arte Carlos Bernárdez. “A primeira exposición foi un ir e vir de xente constante, sorprendeume moitísimo”, comenta o licenciado en Filosofía. Así, CUBO acolleu entre as súas brancas paredes mostras, conferencias, presentacións de libros e mesmo actuacións musicais.
Sen ser economicamente boiante, o proxecto camiñaba a bo ritmo e cunha resposta positiva, reducida pero constante. Como tantos outros negocios, a pandemia causada pola covid-19 supuxo un antes e un despois no seu devir. “Estreamos unha exposición de dous artistas e á semana seguinte nos encerraron”, recorda con tristura. A partir dese momento nada foi igual. Tras semanas coa persiana baixada, a volta á nova normalidade foi moito máis longa e custosa do esperado, con numerosas restriccións a nivel de aforo e horarios. En xullo de 2020, Freire valorou expandir CUBO nunha nave industrial situada no Calvario (+CUBO levaría por nome), onde poder realizar exposicións nun amplo espazo e compartir o lugar con outros artistas locais: “O sitio era estupendo para crear un foco cultural importante”, describe.
Malia despertar interese no ámbito creativo (sobre oito persoas contactaron con el para embarcarse nesta aventura), o proxecto non saíu adiante. Freire continuou a programar no local de Doutor Cadaval, chegando a expoñer a máis de 70 artistas ao longo destes catro anos tan convulsos. O pasado mes de xaneiro o artista presentou a programación de 2022 baixo o título Achicando agua, na que propoñía unha exposición mensual acompañada de actividades paralelas. Desgrazadamente, a idea inicial quedou á metade: “As imaxes expostas xa non son importantes na sociedade actual. Expoñer arte visual non ten demasiado futuro, a mirada lenta estase perdendo claramente. A resposta por parte do público non foi boa, e esa masa crítica que se xerou ao comezo de CUBO foi desaparecendo”, relata.
O cambio de hábitos da sociedade á hora de consumir cultura , especialmente desde a pandemia, é un dos puntos que Alfons sinala como claves á hora de valorar o baleirado deste espazo. E non só do seu, senón doutros de maior calado: “Cada vez que vou ao Marco a ver unha exposición estou eu só”, conta. Engade tamén: “É unha mágoa que os contedores institucionais como os do Concello ou os de Abanca, por citar dous exemplos, estean a maioría do ano sen apenas uso ou con propostas de longa duración. Creo que o esforzo ten que ir encamiñado a actuacións de guerrilla: montar, difundir, inaugurar e pechar ao cabo de poucos días”.
Ao longo desta andadura Freire botou en falta maior apoio por parte do goberno local e empresas privadas: “Para evitar o peche de CUBO contactei con empresas e institucións e a resposta foi moi triste”, explica. Eses 3000€ que precisaba para poder completar a programación deste ano nunca chegaron, o que provocou o peche definitivo. Paisaxe e memoria, unha mostra de Alejandro Novoa e Xabier Fernández, ten o triste honor de ser a encargada de pechar esta breve pero intensa etapa.
Iso si, a cabeza de Alfons nunca para. A pesar da decepción polo proxecto fallido, quizais é cedo para dar CUBO por morto. Iniciativas con nome e apelido como CUBO Nómada, CUBO Ocupa ou CUBO Guerrilla están sendo valoradas nestes momentos por este inquedo axitador cultural. En calquera caso, o espazo que antes ocupaba CUBO pasa a ser agora a sede do Ateneo Atlántico, polo que os seus muros continuarán albergando interesantes actividades culturais nos próximos meses.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024