VIALIA
bannerPicnicSesions

O Gastromercado do Berbés abre as súas portas o vindeiro luns

Aumenta a oferta de gastronomía gourmet na cidade. O vindeiro luns, 18 de xuño, inaugúrase o Grastromercado do Berbés, situado no interior do emblemático mercado, en pleno Casco Vello. Contará con sete postos de comida, unha gran cervexería e acollerá demostracións de cociña e actuacións musicais.

A partir das doce do mediodía do vindeiro luns terá lugar a ansiada inauguración do Gastromercado do Berbés. Despois de meses de espera, poderemos coñecer a transformación á que foi sometida a planta superior do emblemático Mercado do Berbés. O Gastromercado aspira a converterse nun punto de referencia hostaleiro e lúdico para vigueses e turistas.

REVISTA ABRIL

A inauguración estará amenizada con música en directo. Todos aqueles que se acheguen poderán coñecer de primeira man os sete postos gastronómicos que conforman a oferta do espazo e nos que poderemos degustar empanadas, polbo, croquetas, empanadillas, pizza, hamburguesas gourmet, woks asiáticos e chacinería de queixo galego e embutidos ibéricos. Outro dos grandes reclamos do gastromercado é a súa ampla variedade de cervexas. Na cervexería atoparemos con 20 tipos de cervexa, tanto galegas como alemás, irlandesas, belgas e escocesas, ademais de viños e sidras. O espazo ten capacidade para acoller a 200 persoas sentadas e os visitantes se poderán relaxar nunha gran terraza con vistas á ría.

Non todo é gastronomía. Pois o Gastromercado do Berbés quere converterse nun espazo de lecer que albergue propostas culturais. Disporán dunha barra para exhibicións de coctelería e showcookings. Asemade, esta barra se converterá nun pequeno escenario no que levar a cabo actuacións e concertos durante a semana. O local, decorado tipo industrial, disporá de numerosas pantallas no teito para poder ver os partidos, moi ben acaídas agora que vai comezar o Mundial. E nas paredes acollerán exposicións de arte e fotografía.

Con esta proposta Vigo suma dous gastromercados, tras a apertura fai dous anos do Gastromercado do Progreso. Unha opción cada vez máis en voga e que ten moito éxito noutras cidades como Madrid ou Barcelona.