CASAACUNHA

O espazo expositivo CUBO busca expandirse no Calvario

Alá por novembro do 2018 abría as súas portas CUBO, un espazo expositivo e de reunión situado na céntrica rúa Doutor Cadaval. Tras estes últimos meses de incerteza, o seu creador Alfons Freire busca expandir o espazo a unha nave industrial no Calvario, aventura para a que precisa colaboradores. Hoxe ás 19:00 haberá unha reunión vía Zoom para explicar máis detalladamente esta iniciativa.

Fotografía da inauguración de CUBO no 2018 | Bea B.

Hai ano e medio que Alfons Freire creou CUBO, que en principio naceu como un espazo para “albergar á miña empresa na planta alta e realizar algunha exposición na planta baixa”. A partir de aí foron xurdindo unha serie de propostas que desembocaron na desaparición da súa oficina e na conversión total nun espazo expositivo e de reunión cultural. Alí déronse cita asociacións como o Ateneo Atlántico ou o colectivo Os Ninguéns, ademais de numerosas exposicións de todo tipo.

De feito, Alfons mostrouse moi sorprendido coa acollida de CUBO: “o proxecto saíu adiante grazas ao apoio unánime que recibín da xente e da prensa”. A súa percepción foi que había unha necesidade dun espazo deste tipo, mais foi algo do que se decatou a posteriori. “Foi unha casualidade”, comenta rindo.

Banner A Movidiña

Lonxe de que estes meses o desanimaran, Alfons pensa en seguir expandindo o proxecto. “Coa nova normativa sanitaria o espazo do centro queda moi xusto, cunha capacidade máxima dunhas 15 persoas”, comenta, polo que “para seguir mantendo o ambiente festivo das inauguración e reunións co correspondente distanciamento social cómpre un espazo máis grande”.

Desta forma, tras unha exhaustiva búsqueda, atopou unha nave industrial baleira no corazón do Calvario, que se adapta á perfección a súa idea de “CUBO expandido”. Un lugar que, ademais de albergar exposicións e reunións, poida servir como espazo de traballo para artistas ou laboratorio musical, fotográfico e teatral. Unha súper localización de 2.000 metros cadrados para a que precisa de colaboradores: “agora mesmo conto cunhas cinco ou seis persoas interesadas no proxecto, e se todo vai ben gustariame conseguir sobre 10 ou 15 en setembro para sacalo adiante”.

En todo caso, a intención é manter o local orixinal de Doutor Cadaval aberto mediante unhas pequenas cuotas anuais de 30 ou 60 euros. “Con 100 pequenos patrocinadores CUBO mantense, non ao 100%, pero si para seguir facendo exposicións e reunións limitadas”. Para finalizar, Alfons opina que “moitas veces a cidade fuxe da xente que ten ideas, e desde as institucións confunden a cultura minoritaria coa cultura de elite, o que é unha lástima, porque non están pensando no futuro”.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.