GIRANDO POR SALAS

O colectivo Nova Cultura estréase cun festival de seis horas

A cidade de Vigo xa conta cunha nova asociación cultural. Este sábado 4 ás 18:00 na Sala Rebullón bota a andar Nova Cultura, unha iniciativa formada por diferentes músicos locais coa idea de conseguir xuntos a forza que por separado non alcanzan. O cartel está formado por bandas como Zalomon Grass, Kings of the Beach, Youcanthide ou Karma Animal. Podes mercar aquí as entradas.

David Rodríguez actuando con Zalomon Grass en Vialia | P. Vázquez

Nas inmediacións de Praza España atopamos os estudios Nova Cultura, un acolledor espazo onde diferentes artistas vigueses ensaian e gravan a súa música. A raíz desta experiencia conxunta, varios destes grupos uníronse para formar unha asociación cultural co mesmo nome coa que pretenden alcanzar obxectivos maiores e reactivar a escena musical local. “Somos grupos que levamos un lustro compartindo locais, escenarios e xiras, e con isto queremos ir máis aló do local de ensaio e do estudio de gravación. Queremos facer algo para a cidade, difundir algo máis de cultura, que falta fai”, relata David Rodríguez, un dos responsables da iniciativa e membro de Karma Animal e Zalomon Grass.

A festa de presentación terá lugar este sábado 4 de decembro na Sala Rebullón, con seis horas de música ininterrumpidas que comezarán ás 18:00. Unha das particularidades do cartel é que hai case tantas bandas como músicos: Kings of the Beach, Youcanthide, Dientes e Swic comparten integrantes, da mesma maneira que Zalomon Grass, Karma Animal e McKenzie. Unha impronta que recorda á época da Movida oitenteira, onde un músico compartía varios proxectos diferentes. Alén desta anécdota, por unha entrada de 10€ poderemos desfrutar dalgunhas das bandas locais de rock máis potentes na actualidade. Tamén haberá un mercadiño de artistas olívicos, onde atopamos a F**k this Studio, Its Ramé Crochet, Marta Knives, Suburbanrosen e máis por confirmar.

Aseguran que haberá máis eventos no futuro, sobre todo coa mirada posta nos espazos exteriores, para achegar a súa proposta á xente de a pé. Tamén buscarán traer a xente de fóra ou colaborar con máis artistas vigueses, ampliando o radio de acción desta asociación emerxente: “Sendo un estudio de música podes captar máis facilmente á xente”, opina Mauro Comesaña, outro dos integrantes da asociación e membro de Zalomon Grass ou The Soul Jacket.

REVISTA ABRIL
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.