REVISTA ABRIL

Zålomon Grass: “O rock segue aí, pero hai que buscalo”

Hai quen non se desanima nin con unha pandemia global. É de sobra coñecido o estado no que se atopa o tecido musical a nivel local e estatal, mais iso non impide a creación de novas bandas como Zålomon Grass, un potente trío de rock vigués formado por Gabriel McKenzie, David Rodd e Mauro Comesaña. Para ir quentando a boca, déixannos catro cancións gravadas en directo en Radar Estudios con vídeos a cargo de Antía González, e unha máis de regalo gravada por nós no estudio onde ensaian.

David, Gabriel e Mauro dentro do estudio de gravación | P. Vázquez

Pregunta de rigor: por que Zålomon Grass?

Mauro: Eu buscaba un nome exótico, que levara consigo algo de máxico e misterioso pero sen soar rimbombante. Por outro lado a palabra inglesa “grass” (herba) sempre me pareceu moi evocadora e leva implicito moito do movemento da psicodelia da decada de 1960. Logo, unha noite na que me atopaba lendo un relato curto de Jack London, o nome do rei Solomon apareceu por aí. Tras darlle unhas voltas, transformalo un pouco foneticamente e unilo ao outro concepto, din co nome definitivo. Penso que une ese aspecto de linaxe gloriosa e case esotérica coa liberdade e a maxia da psicodelia.

Cada un de vós vén dunha banda distinta. Como vos coñecestes e por que decidistes formar unha banda?

Gabriel: Eu tocaba con Spoonful no Galifornia Beat da Guarda no 2019, abrindo para The Soul Jacket, e flipoume o estilo de Mauro á batería. Tomando augardente de herbas no backstage e falando, decidimos que tiñamos que montar algo xuntos. E como xa tocaba con David a guitarra en You Dog!!, e sabía que era multiinstrumentista e ademais pode facer bos coros, significaba que xa coñecía ao terceiro sospeitoso para formar esta banda criminal. Vaia tres patas para un banco, non?

Todo este proxecto xorde antes ou despois do inicio da pandemia?

G:Todo ísto xurdiu un ano antes. Xa falaramos de quedar canto antes para facer unha jam e ver que tal nos desenvolviamos xuntos, pero xa sabedes o que pasou, morreu Kobe Bryant e todo foi ao carallo. Así que tivemos que esperar a despois da primeira onda a finais de xuño para facelo realidade. E non paramos de traballar en Zålomon Grass desde aquela.

As vosas primeiras gravacións foron en directo. É unha declaración de intencións?

M: Non tiña moito sentido preparar un álbum de estudio dado que empezamos de cero e practicamente sen presuposto. Aínda que polo momento non ía ser posible actuar en directo,  queriamos que a xente comprobase de primera man e sen trucos como soamos e como sería a nosa posta en escena, e estes catro temas son una boa mostra

Quizá é o peor momento para iniciar unha banda, e máis deste tipo, tendo en conta que non se sabe aínda cando volverá haber concertos en salas. Por que destes o paso igualmente?

David: Seica moitos grupos o tiveron moi complicado durante estes meses para seguir cos seus proxectos. Pero no noso caso, e xa que viviamos na mesma cidade, só foi cuestión de facer algo de malabares coas axendas e poñerse a traballar unhas cantas horas á semana. Os esqueletos de moitos dos temas xa estaban aí e o resto fluiu coma un río.

Tedes pensado dar algún concerto de presentación proximamente ou preferides esperar a que a situación sexa máis propicia?

G: Temos moita fe na vacina de Putin, queremos subirnos ao escenario do noso primeiro concerto a lomos dun oso pardo e totalmente descamisados. Iso sería o ideal (risos)
M: Non nos importa tanto que a experiencia dun concerto en vivo mudara (aforo, obligatoriedade da máscara, público en cadeiras, etc) Toca adaptarse. Pero si queremos que sexa nunha boa sala, con un bo equipo de son e preto do noso nucleo de acción para que a xente non teña problemas para desprazarse. Cremos que todo o empeño que estamos poñendo nisto merece unha presentación en condicións…

De poder facer un directo, teriades suficientes cancións propias ou tocariades algunha versión? Nese caso, tedes algunhas preparadas?

G: Gran parte do repertorio procede de composicións propias anteriores e xa as adaptara para interpretalas con Spoonful. Pero agora arranxámolas para Zålomon e ademáis, neste breve espazo de tempo de vida da banda, xa xurdiron uns cantos temas totalmente novos, co cal, hai repertorio de sobra. E as versións que fagamos levarémolas ao noso terreo.

Hai quen di que o rock está morto ou que na música xa está todo inventado. Que credes que podedes achegar vós?

G: Non, o rock non está morto. Simplemente non está de moda. E danos igual. Nos grandes festivais do planeta sempre hai grupos de rock como cabezas de cartel, e cando unha banda clásica volve lanzar os seus discos míticos, volven entrar nos Top 10 mundiais. Por algo será. Moita xente sente o rock & roll, máis como un momento musical e histórico romantizado de destrozar habitacións de hotel, que de sacar bos discos e dar bos concertos. O rock segue aí, pero hai que buscalo. E segue tendo o seu público, e é moi, pero que moi numeroso. 

Entre as vosas influencias mencionades artistas como Led Zeppelin, Black Sabbath ou Jimi Hendrix, todos eles das décadas dos 60 e 70. Que grupos de rock actuais gústanvos ou vos inflúen?

D: Nós cremos que a era dourada da música foi nesa época, pero iso non quere dicir que non haxa actualmente o mesmo nivel de grandeza musical como o que se acadou daquela. Entre as nosas influencias actuales atópanse bandas como Uncle Acid and the Deadbeats, Blues Pills, King Gizzard and the Lizard Wizard, Rival Sons, Alabama Shakes, Graveyard, Hellacopters, Los Zigarros, Clutch, Jared James Nichols, Tyler Bryant and the Shakedown…

E como vedes a escena do rock en Vigo e Galicia?

REVISTA ABRIL

M: Hai moi poucas escenas musicais underground en España como a de Vigo. É un auténtico viveiro de artistas único, do que xurdimos todos nós e que habería que conservar. Pero se antes da situación da cultura estaba de capa caída, coa Covid19 a cousa está aínda máis complicada, pero seguen dando boa cera bandas como Moura, Espiño, Kings of the Beach…

Faládenos desta canción que acabades de interpretar, “Three Years”.

G: Pois escribín éste tema xa hai uns cantos anos. Eu quería representar ese son pentatónico de rock clásico, mentres contaba unha anécdota persoal mesturada con lendas norteamericanas de vodú e un toque mitolóxico galego falando do misticismo dos cruces de camiños encantados e de aprender así a tocar ao máis puro estilo blues, tentando vender a alma a cambio. E ésa é a metáfora pola que escollemos interpretar este tema en concreto, porque creo que se pode ver no directo como poñemos sobre a mesa a nosa alma tocando.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.