REVISTA ABRIL

Os creadores do festival Kerouac celebrarán as Letras Galegas cun acto entre Nova York e Galicia

A pesar de que os actos de conmemoración das Letras Galegas foron trasladados a outubro, os creadores do Festival Kerouac non querían que o 17 de maio quedara en branco. Propoñen un acto online no que participarán artistas galegos en Nova York e en Galicia. Unha ponte sobre o Atlántico para homenaxear a Carballo Calero.

Sen dúbida este 17 de maio vai ser diferente. A crise xerada a raíz do COVID-19 obrigou a Xunta de Galicia a trasladar os actos de homenaxe a Carballo Calero a outubro, coincidindo co 110 aniversario do nacemento do homenaxeado. Máis a organización do Festival Kerouac, co apoio da Secretaría de Política Lingüística, quixo montar unha iniciativa adapatada a esta ‘nova realidade’, creando un acto online no que participarán artistas galegos que viven en Nova York e en Galicia. Creando unha ponte entre as dúas beiras do Atlántico, empeño no que levan traballando anos coas diferentes edicións do festival Kerouac que na actualidade ten tres sedes: Vigo, Nova York e Ciudad de México.

REVISTA ABRIL

Con este acto poñen de manifesto a capacidade da cultura de se transformar e adaptar as novas situacións. Nas pasadas semanas os organizadores experimentaron con eventos similares a través da rede e tras ver a boa acollida e o bo clima que se xenerou animáronse a preparar este evento que serve para conectar aos artistas que estan fóra coa nosa terra, “ensinando co exemplo que a cultura non para, animando o sentir xeral dos artistas, que ven con incertidume o seu futuro, e instalando as formas futuras do que vai ser a relación da sociedade coa cultura, tan necesaria como as veces ninguneada”, explicaba Marcos de la Fuente na presentación a medios da iniciativa.

Tal e como eles mesmos destacaron esta é unha forma tamén de quitarse a espiña ao non poder celebrar a IV edición do Festival Kerouac en Nova York que ía ter lugar a comezos de abril. Tras o disgusto inicial agora miran con optimismo o futuro e xa están a traballar na X edición do Kerouac en Vigo que será en outubro e que traerá moitas novidades “será moi novidoso e mesturaremos o online e o físico por vez primeira”, sinalaba Vanesa Álvarez co-organizadora do festival.

O evento do día 17, dará comezo ás 18.00 horas do domingo e poderá seguirse a través das canles online do Festival Kerouac: Facebook live, Instagram e Youtube. Participarán oito artistas: Isabel Pérez Dobarro, María Medín Doce, Manuel Mayo e Yago Vazquez desde Nova York e Francisco Fernandez Naval, Fátima Delgado, Malvares de Moscoso e Francisco Castro desde Galicia. Cada un dos poetas lerá un poema de Carballo Calero. Despois lerá ou interpretará un poema propio, influido ou non polo autor homenaxeado deste ano. Os músicos tocarán dúas pezas do seu repertorío, relacionadas con Galicia e co autor. As intervención serán en total de 8 minutos por artista, e serán presentadas e conducidas polo poeta Marcos de la Fuente, para un total de 90 minutos de duración.