CAMELIAS MASCOTAS

Ibuprofeno Teatro estrea en Vigo ‘Casa O’Rei’ esta fin de semana

Ibuprofeno Teatro estrea mañá, venres 2, o seu derradeiro traballo ‘Casa 0’Rei’ no Auditorio Municipal. Esta peza pecha a triloxía gastronómica da compañía tras ‘Furancho’ e ‘Raclette’. Falamos con Santiago Cortegoso, autor da obra, que se inspirou en ‘O Rei Lear’ de Shakespeare para trasladar a idea da traizón interxeracional de fillos a pais e a leva a un ámbito moi galego: unha cociña.

Cal é o xerme deste espectáculo?
O inicio é curioso: unha idea moi vaga, un diálogo no que o conflito son patacas fritidas, un debate sobre comer patacas fritidas conxeladas ou non, e a diferenza coas naturais. Espuxen esta idea nun obradoiro de escrita dramática do Centro Dramático Galego no que participaba como alumno, unha idea levou a outra: que este conflito tería sentido nun restaurante no que se sacrifica a calidade en favor do aforro. A min isto levoume a pensar nun conflito xeracional; porque habitualmente as novas xeracións son consumidoras de comida prefabricada, e xeracións como a dos meus pais ou da miña avoa, que proveñen do rural, nunca aceptarían este tipo de produtos. Nese momento, Cándido Pazó, que era o coordinador do obradoiro, comentou que esta idea de fillos traizoando a pais lle lembraba a ‘O Rei Lear’ de Shakespeare. Relín o clásico ese mesmo día, e atopei unha base argumental que me valía e un xogo que me facía moita graza. E así, pouco a pouco, foi medrando ‘Casa O’Rei’.

“A obra desenvólvese dentro do ámbito dunha cociña e dunha familia que coarta, que oprime.”

Nun tempo onde o éxodo do fogar familiar e do país é tan importante, supón esta peza un canto a perda dos valores da unidade familiar ou unha representación de cómo a familia coarta as liberdades do individuo?
A obra desenvólvese dentro do ámbito dunha cociña e dunha familia que coarta, que oprime. Hai quen se amosa sumiso ante esta autoridade (o caso das irmás maiores) e hai quen se rebela, como Cordelia, a pequena, que é desherdada e expulsada. A montaxe plantexa as consecuencias que ten a honestidade, hai quen está disposto a asumilas e quen non. Tamén plantexa a decadencia dun mundo sustentado nunha serie de valores que entran en crise, que se “traizoan” por valores propios dun mundo novo. Tan grave como o éxodo cara a outros países, pode ser que no noso país asumamos como propios valores alleos. Detrás disto tamén está a capacidade de adaptar os valores tradicionais aos novos tempos. Son moitas cousas, debates complexos, que están detrás da historia que se conta na función.

A obra ten como espazo único unha cociña. Este espazo permite, como se puido ver en Raclette, crear a sensación da existencia dunha comunidade ó redor das normas do rito da mesa. Cal é o obxectivo final deste feito?
En ‘Casa O’Rei’ non é tanto a mesa senón a cociña. Unha cociña que é coma unha ola a presión e, ao final, a situación acaba estourando. Neste caso a cociña non ten que ver tanto con esa idea de comunidade senón cun ambiente pechado e enrarecido; os personaxes nunca saen dese espazo, non hai exteriores, nin xente de fóra que entre aí. Está a familia nesa cociña todo o tempo, ese ambiente pechado e agobiante é unha metáfora dunha unidade familiar que coarta e oprime aos seus integrantes.

Pensa vostede que en Ibuprofeno xa encontraron esa linguaxe teatral propia que tanto buscaban?
Espero que nunca deixemos de buscar, pero sinto tamén que atopamos un xeito de contar que nos é propio. O importante é non renunciar a esa linguaxe, a ese xeito persoal de contar e facer as cousas. E por outra parte non deixar que iso nos cohiba, nos free, de aí o de non deixar de buscar.

REVISTA NOVEMBRO

Foi sinxelo atopar ó elenco axeitado?
A verdade é que si, tíveno claro dende o principio. E tiven a sorte de que os actores aceptasen a proposta. Hai unha anécdota curiosa respecto á escolla do elenco, cando lle enviei a Diego, o noso deseñador, as fotos dos actores contestou abraiado, preguntándome se fixera un casting de ollos, xa que o parecido das tres actrices resultáballe chocante: ‘teñen os mesmos ollos, parecen irmás de verdade’.

“‘Casa O’Rei’ tiña que estrearse nas Rías Baixas. É aquí onde está ambientada”

Foi casualidade que a estrea da peza sexa en Vigo?
Non, ‘Casa O’Rei’ tiña que estrearse nas Rías Baixas. É aquí onde está ambientada, aínda que non se faga explícito o nome de ningún lugar. Eu tomei como referencia algúns restaurantes que hai preto da miña aldea, que son auténticos reinos. Preto da casa dos meus pais, había varias tabernas que se acabaron convertendo en grandes negocios familiares, restaurantes moi reputados aos que veñen turistas e persoeiros a pagar por comer ben, é dicir, bos produtos frescos e de calidade. Que pasaría se os herdeiros desvirtuasen esa idea de ‘reino gastronómico’ pasándose á comida-lixo?

Este é o final da chamada “triloxía gastronómica” que propoñedes en Ibuprofeno. Cal é o seguinte paso?
Nestes momentos é moi pronto para pensar en novos proxectos. Aínda estamos moi metidos neste e precisamos un pouco de aire antes de decidir o que imos facer. Por cuestións de mercado, é moi posible que sexa algo de pequeno formato, xa que levamos dous espectáculos seguidos de formato medio-grande. Sempre temos moitas ideas, moitas cousas que nos apetece facer, pero acabamos producindo moito menos do que nos gustaría. Non nos dá para máis.

(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello

(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello

The following two tabs change content below.
É graduado en lingua e literatura española pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente cursa un máster dedicado a formación e investigación literaria e teatral no contexto europeo na UNED. Ten coñececementos de varias linguas, participa e dirixe iniciativas culturais, colabora con distintas editoriais e participa en xurados de premios literarios. Na súa bitácora persoal 'Palabra de Gatsby' exerce a crítica literaria e teatral. Un proxecto en continua revisión coa intención de amosar o seu amor polas letras. www.palabradegatsby.com