REVISTA ABRIL

Antonio García Teijeiro: “Ás crianzas gústalles a poesía. Quen lle teñen medo son os adultos”

En tempos de incerteza as artes son imprescindibles. Sempre hai un poema para cada situación e para cada un de nós. A literatura acompáñanos, incluso en momentos tan duros como os que estamos a vivir. É por iso que Cuarto de inverno recupera As palabras están a mirarse arredor da mesa (2021), obra na que Antonio García Teijeiro reflexiona sobre o valor e o poder máxico das palabras. Esas que o levaron a gañar o Premio Nacional de Literatura infantil 2017 con Poemar o mar (Xerais) e coas que consegue conquistar a grandes e pequenos. Falamos co escritor, tamén nomeado Vigués Distinguido 2018, de poemas, palabras e da importancia de perderlle o medo á poesía.

Antonio García Teijeiro sentado no Café Vitruvia | P. Vázquez

Cal é o xerme de As palabras están a mirarse arredor da mesa?

Todo creador ou creadora procura que as palabras que utiliza sexan o máis coherentes posible para expresar o que precisa dicir. Ese proceso provoca un esforzo que non sempre dá resultados. Ese esforzo, esa dedicación do poeta por acadar a palabra exacta nos seus versos van implícitos neste poemario. Cara a unha perfección poética (que, afortunadamente, nunca se consegue) tende esta obra para expresar certos sentimentos do amor, da ética e da memoria.

Este libro xa se publicara previamente na editorial Everest. Hai algunha razón concreta para recuperalo neste momento?

Este libro non tivo ningunha difusión no seu momento, malia o gran traballo da editora Irene Penas e do ilustrador Xosé Cobas. Corrían malos tempos para Everest e así o demostrou o resultado final da editorial. Deume moita mágoa que pasase iso porque pensaba que o libro merecía unha segunda vida. Antes de volverse publicar, escribín dez poemas novos para engadirlle. Cuarto de inverno interesouse por el e eu feliz de que tivese a visibilidade que está a ter. Estou moi satisfeito da recepción por parte do lectorado e da crítica.

Actualmente o público infantil e xuvenil está sobresaturado de información e de pantallas. Como podemos introducir de novo aos máis pequenos na lectura e, especialmente, na lectura de poesía?

Está claro que non hai fórmulas máxicas. Non é doado. Coido que os libros deben ter máis visibilidade na sociedade e resulta difícil. Fundamental o papel da escola unha vez máis. Os e as docentes teñen que ser mediadores, coñecer o que se publica, ver as posibilidades do seu alumnado e achegarlles libros atractivos para que lean por pracer. E non dar as costas á poesía, que debe entrar nas aulas en voz alta. Porque non o esquezamos: aos nenos e ás nenas gústalles a poesía. Quen lle teñen medo son os adultos.

O que está claro é que nun mundo como o de hoxe todos precisamos a poesía…

Xa o dixo Celaya hai tempo: “poesía para el pobre, poesía necesaria, como el pan de cada día…”. Nestes tempos de incerteza, de individualismo feroz, de materialismo, precisamos dun espazo que deben ocupar as artes. Entre elas, claro, a poesía ben feita, a que che permite reflexionar, facerche preguntas para acadar respostas, a que te leva a buscar respostas fóra dela. A poesía serena e sacode o lectorado ao mesmo tempo. Desas sensacións tiramos moitas consecuencias que nos poñen no camiño positivo. A poesía pode cambiar a vida das persoas. Eu vivino e sei do que falo.

Aínda que lamentablemente non hai moitos puntos de encontro en Galicia onde se reflexione sobre ela; asociacións, clubs de lectura, reunións, espazos en prensa…

Efectivamente. Unha novidade poética non chega, nin de lonxe, a acadar o mesmo interese público e dos medios coma una de narrativa. É triste pero así é. A poesía vive nunha sorte de rango inferior e iso amólame moito. Os clubs de lectura esquecen case sempre a poesía. Pero aínda hai persoas que cren nela e levan traballando ben tempo para darlle pulo. Temos que seguir loitando para que colla visibilidade. E, alomenos na poesía infantil, algo está a cambiar grazas a mestras, sobre todo, que cren no seu valor e contaxian a súa paixón por ela ao seu alumnado.

Constrúes a beleza neste tempo no que todo se parece ao infortunio (…)”. Poderíamos dicir que está é a misión ética do poeta?

A misión ética de calquera creador debe ser a coherencia artística e vital. Se fas ben o teu labor, se respectas o posible lector, se procuras honradez literaria e non traizoas as liñas que toda obra creativa debe ter, estás a cumprir a máxima dos artistas: facer arte, neste caso coas palabras; porque, non o esquezamos, precisamos das artes para sobrevivir espiritualmente fronte a ese materialismo que todo o enturba.

Neste libro fálase das palabras como instrumento mais o respecto polas mesmas tamén é un fin en sí mesmo…

Todos debemos saber que as palabras nunca son inocentes. Que posúen moitas arestas. O seu uso é moi variado e, mesmo, traidor ás veces. As palabras non revelan sempre o seu significado completo nin a súa riqueza. Hai que saber utilizalas e descubrir toda a súa potencialidade cando as poñemos en contacto. Respectalas, porque elas sentan, míranse, conversan e converxen e o creador debe entender esa linguaxe muda cando as pon en contacto. Non é doado, porén, si é algo excitante.

De feito, eu creo que se normalmente é necesario respectar aos lectores coas escollas léxicas, se cadra aínda máis o público xuvenil…

Sen ningunha dúbida. Se todo creador e creadora que traballa coa linguaxe debe ser pulcro na escolla das palabras, cando escribe para a rapazada e a mocidade debe selo en maior medida. Hai que ser claro, non rebaixar nunca a calidade do que se escribe e saber que, ao ler os nosos textos, o lectorado está a formarse non só literariamente senón tamén desde o punto de vista léxico. Entre todos temos que loitar para acadar o maior nivel lingüístico posible. É un deber.

De todos modos coido que este libro pode definirse como de fronteira…

Por suposto. Coido que é un libro sen idade específica. Nun principio pensara en facer un poemario para darlle unha nova dimensión á poesía xuvenil. Cando o rematei, decateime axiña que non tiña liñas definidas. Que había que deixalo voar ao seu aire ata ver onde chegaba. Pasou o que pasou, e co engadido dos dez poemas seguín pensando o mesmo. Un libro para lectores e lectoras sen complexos.

Cara onde cre que deriva a nova poesía infantil e xuvenil galega? Cre que é moi distinta da poesía da súa xeración? Nas súas obras actuais detecta algún cambio de tendencias?

REVISTA ABRIL

Eu non falaría de xeracións, senón de poetas inquedos que non queren repetirse demasiado. Creo na evolución das obras. Eu mesmo, formalmente, xa inclúo novas maneiras de crear os poemas. Hai moi bos poetas, homes e mulleres, que escriben poesía de calidade. Cara onde se dirixe? Eu coido que existe xa unha poesía máis urbana, cunha linguaxe cercana á mocidade, que lle fala da súa experiencia e que encaixa de marabilla coa xente moza. E esa é unha boa tendencia polo que significa de diferente e necesaria. Pero, non o esquezamos, a poesía sempre será poesía, co seu ritmo, a súa musicalidade, as súas imaxes, a linguaxe coidada e os seus puntos críticos que sirvan para reflexionar. E, ademais, tocar a beleza.

Para rematar, se tivese que recomendar tres obras de poesía (para todos os públicos) que considere imprescindibles, cales serían?

Posmo moi difícil. Hai tanto poemario de referencia e de verdadeira calidade… Non sei, pero, por exemplo, Follas novas, de Rosalía; Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro e De catro a catro, de Manoel Antonio.

The following two tabs change content below.
É graduado en lingua e literatura española pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente cursa un máster dedicado a formación e investigación literaria e teatral no contexto europeo na UNED. Ten coñececementos de varias linguas, participa e dirixe iniciativas culturais, colabora con distintas editoriais e participa en xurados de premios literarios. Na súa bitácora persoal 'Palabra de Gatsby' exerce a crítica literaria e teatral. Un proxecto en continua revisión coa intención de amosar o seu amor polas letras. www.palabradegatsby.com