CASAACUNHA

O reality show de Valle Inclán

Tras moitos anos de inestabilidade e distinta aceptación das distintas pezas do CDG por parte de público e crítica, coido que a presenza de Valle Inclán no repertorio, en galego e libre de dereitos, acáelle ben para a necesaria renovación nas propostas deste organismo e a necesidade dun teatro crítico coa sociedade na que vivimos. Así chegamos a este Divinas Palabras Revolution, ao cargo de gran parte dos integrantes da compañía Chévere, un espectáculo que da moito de si e que merece un extenso comentario.

O do CDG é un espectáculo que transita entre a traxedia e a comedia aínda que non se introduce en profundidade en ningún deses aspectos. O humor nesta obra non se expresa mediante a linguaxe dos chévere senón que é completamente amoral, xoga co desagradable e mesmo pode chegar a incomodar aos máis sensibles. Non é un espectáculo de fácil dixestión e que se comunique co espectador respectando calquera principio ético. A parte tráxica do espectáculo provén do texto orixinal e a actualización consegue contemporaneidade mais non aporta aspectos de maior relevancia.

O primeiro que chama a atención do espectador é a proposta dun formato que transporta os sucesos da obra orixinal a nosa realidade mediante a creación dun reality show esperpéntico que os espectadores temos a oportunidade de seguir tanto en “streaming” dende as pantallas, como en directo no escenario. Un aspecto do espectáculo que merece unha valoración positiva é o xogo intertextual e transmedia que propón o CDG ofrecéndonos contido inédito en internet a través de Facebook (perfís dos protagonistas), Twitter (comentarios do público na retransmisión), Youtube (presentacións dos personaxes), e tamén pezas televisivas en colaboración con distintos programas da CRTVG. Por suposto o traballo con estes elementos ten bastante de iniciático (repítense tweets e usuarios durante a transmisión, os perfís en redes pódense traballar máis, falta acceso ás pezas televisivas…) máis todo proxecto transmedia peca de inmobilismo e fraxilidade nos inicios.

Para este cometido o escenario transfórmase nunha casa, que podería ser perfectamente a de Gran Hermano, formada en base ás distintas estancias tradicionais (salón, cociña, cuarto de baño…) e que permiten illar aos personaxes en distintos momentos da obra, facendo así de “cadros” nos que desenrólanse accións simultáneas. Sen embargo, na escenografía temos moitos elementos que delatan que ese escenario tan actual non está moi lonxe do ruralismo do que bebe a obra, basta con deterse e observar os papeis pintados das paredes e a relación deles con cada escena. Sen dúbida, o detalle co que está traballada a escenografía e a presenza de elementos en escena que xeran distintos estímulos sensitivos facilitan unha inmersión total do espectador na obra.

O elenco confórmase de actores moi recoñecidos polo gran público e que casan moi ben cos personaxes que representan. Non merece a pena describir a cada unha das personaxe neste comentario porque xa están perfectamente caracterizados nas pequenas curtas que se poden atopar no canle do CDG en Youtube. Gustaríame destacar especialmente o traballo actoral de Tomé Vieitez (Laureaniño) xa que pese a non ter nin unha soa liña entendible durante todo o espectáculo penso que é un personaxe moi difícil de interpretar e esencial para transmitir a baixeza moral de todos aqueles que o acompañan. Interesante tamén a participación de Borja Fernández (Migueliño), Tone Martínez (Candás) e Victoria Pérez (Tatoola) pois aportan autonomía aos personaxes máis homoxéneos e (im)prescindibles da obra de Valle.

Banner A Movidiña

Na miña opinión, ‘DPR’ busca ser unha revolución escénica máis non textual. O texto de Valle respétase dunha maneira non literal máis si episódica, xa que so se perde todo o contido relixioso e anacrónico. Mesmo penso que o final tráxico dun dos personaxes está moito máis dulcificado nesta peza que na obra orixinal. É evidente que a vileza do ser humano, a súa baixeza moral e, en xeral, a sociedade noxenta e de intereses que representaba Valle nas súa obras non dista moito da moito da actual.

Como agardaba, e non decepcionou, este espectáculo ten moita personalidade mais imaxinaba unha reinterpretación arriscada seguindo a liña da súa predecesora Martes de Carnaval. O ritmo da acción dramática é moi lento, pese a non ser por iso tediosa, e a simultaneidade de accións non é sempre sinónima de simultaneidade relevante. Atopeime un esperpento rutineiro, con tempos mortos, que conta cos dedos da man os golpes de intensidade pese ó formato do reality show que tenta integrar.

En resumo, esta nova produción do ‘CDG’ ten moito positivo máis tamén moito camiño que recorrer. As bases son as correctas e a proposta ten moito de esperanzadora, só queda traballar de cara o futuro. Gustoume o exercicio de readaptación e reutilización de elementos tanto da dramaturxia de Chévere como da obra de Valle en beneficio do CDG, xa que logran que o espectáculo final beba das dúas fontes sen ser calco de ningunha. A nivel visual temos un espectáculo impresionante e cunhas actuacións individuais notorias. O que non contaba é ver tanto de Valle nesta “revolución”.

The following two tabs change content below.
É graduado en lingua e literatura española pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente cursa un máster dedicado a formación e investigación literaria e teatral no contexto europeo na UNED. Ten coñececementos de varias linguas, participa e dirixe iniciativas culturais, colabora con distintas editoriais e participa en xurados de premios literarios. Na súa bitácora persoal 'Palabra de Gatsby' exerce a crítica literaria e teatral. Un proxecto en continua revisión coa intención de amosar o seu amor polas letras. www.palabradegatsby.com