UVIGO
FILLOAS

María Alonso: “A maioría da xente emigrada pasouno moi mal, pero non queren compartilo”

Achegámonos ao Nadal e iso supón o regreso de moitos galegos e galegas do estranxeiro para pasar as festas coas súas familias. Para moitos supón “recargar as pilas” na súa terra e para outros simplemente unha pausa no camiño. De todo isto e moitos máis aspectos e problemáticas sobre a emigración María Alonso é unha autoridade. A autora viguesa, xa de volta en Galicia, segue os vieiros que xa iniciara con Transmigrantes e publica Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres (Galaxia) unha obra que dá voz a moitas galegas que emigraron por distintos motivos e que a través das súas experiencias configuran as características desta nova vaga migratoria galega. Falamos coa súa autora desta e doutras experiencias relacionadas coa redacción deste libro.

Cal é o xerme do libro? Por qué sae precisamente neste momento?

A idea do libro comezou a tomar forma no verán do ano pasado. Xorde como unha necesidade de poñerlles nomes e apelidos a esas cifras e estadísticas que saen todos os anos sobre emigración, que son un pouco crípticas e que eu coñezo en primeira persoa. Tras trece anos en Escocia volvín a comezos de 2020, coa miña parella que é de alí e que tivo que deixar o seu traballo, co plan de traballar cun contrato da UVigo por un ano e logo “a ver que pasa”. Migrantas adiante é a necesidade de falar coas persoas que non tiveron a posibilidade de volver e de poder pasar o peor momento da pandemia coas súas familias. En xeral, foi un cúmulo de situacións diferentes relacionadas co ámbito académico, mais é evidente que tamén ten que ver co persoal.

De feito xa tiveramos ocasión de coñecer algo da túa historia persoal ó respecto en Transmigrantes, mais eu descoñecía que na túa propia familia hai toda unha historia de emigración de moitas xeracións.

Bueno, de feito nós tampouco o sabíamos a verdade. Que a familia do meu avó emigrara a Uruguai era de sobra coñecido porque eran familiares que viñan cada tres ou cada cinco veráns a Matamá a pasar un par de meses coa familia. Entón eu sempre tiven esa vaga migratoria moi preto de min porque forma parte da miña infancia. Sen embargo, o que non sabíamos era que o noso bisavó por parte de avoa pasara unha tempada en Arxentina cando a miña avoa acababa de nacer. Atopamos un día por casualidade unha foto dun “tipo” de principios do século pasado e a miña tía e a miña nai confirmáronnos que era o noso bisavó. Fixámonos mais naquela foto e vimos que fora sacada en Buenos Aires, e nese mesmo momento foi cando nos enteramos.

Supoño que na familia cada un dos emigrados obtivo resultados dispares das súas estadías no extranxeiro. Ou foi para todos unha situación agradable da que teñen moitas ganas de falar?

A historia do noso bisavó, por exemplo, chegou ata nós “por oídas” da miña nai e da miña tía, aínda que ambas non lembran perfectamente esa historia porque obviamente lla contara a miña avoa. Cando iso pasou, a miña nai só tiña un ano e coñeceu ó seu pai máis tarde, con sete anos. O que nos chegou foi que non fixo fortuna, fixo dabondo para poder volver, mercou unha casa e decidiu facer fogar en Vigo. En contraposición, a historia da familia do meu avó e a súa estadía en Uruguai si que está moito máis presente nas conversas porque emigraron en masa, no mesmo barco e no mesmo día. De feito, temos unha foto moi bonita con todos aqueles que ían marchar. Aínda que moitos deles quedaron alí, outros moitos volveron aos once anos porque era moito traballo o que tiñan que facer alá para estar malvivindo e para facer iso alá, mellor o facían aquí. Sen embargo, remataron por ser parte do tecido industrial dun Vigo emerxente naquela época e traballando o resto da súa vida na nosa cidade.

En xeral, teño a sensación de que abrirse a falar da emigración non era sinxelo para xeracións precedentes. Iso é diferente nesta nova vaga migratoria?

Creo que polo menos a xente da miña contorna xa moi maior e que emigrara a América Latina ou a Europa do norte non ten moitas ganas de protagonismo. É como unha face das súas vidas que obviamente foi importante, que foi unha experiencia vital, pero que non teñen moitas ganas de rememorar. As persoas que emigramos a partir da crise de 2008, formamos parte doutra xeración con condicionantes económicos, socias e históricos totalmente diferentes e non atopei ningún problema para falar con xente a que lle foi ben, aínda que si con quen lle foi mal. A maioría de xente emigrada que eu coñezo pasouno moi mal e poderían aportar historias dunha cara B bastante escura da emigración, pero moitas delas non quixeron participar. Foime difícil atopar xente cuxa historia non respostase a esta idea de triunfo que dalgunha forma está no resto das conversas.

O denominado “discurso do éxito” é un dos grandes males da emigración. Cres que é unha idea que tamén forma parte desta nova vaga da diáspora galega e tamén o será das seguintes?

Creo que isto é algo moi xeracional. Este discurso do éxito que se transmite especialmente a través dos medios de comunicación corresponde a unha xeración de persoas que comparte a súa vida a través das redes sociais case a modo de entretemento. Dito doutra forma: o modo no que nós nos comportamos nas redes sociais e a exposición que iso conleva, ás veces ten moito de propagandístico porque queremos trasladar os aspectos positivos da nosa vida. En ocasións iso correspóndese coa realidade, mais noutras non. Para adoptar un punto de vista crítico como o adoptado en Migrantas é necesario sentar cun café e reflexionar durante horas a través destas conversas Para chegar a un pensamento válido e profundo é necesaria a introspección e o formato das conversas que hai no libro deu pé a esta achega crítica. A emigración é un fenómeno que damos por feito, pero sobre o que non reflexionamos tanto como deberiamos.

Outro tema central é o do retorno desde o desexo, a utopía ou simplemente como un paso atrás nas súas vidas.

Tes razón. A idea de retorno xorde de xeito natural en todas as conversas do libro, é unha constante. É unha cousa que a min me sorprendeu moito. Especialmente a obsesión que chega a causar nalgunhas das participantes a idea de volver a casa. Cada unha delas, dependendo da súa experiencia vital, ten unha relación diferente con este concepto. Por exemplo, María Golpe que leva 20 anos en Irlanda, aínda fala do retorno en termos de necesidade para ela e a súa familia e desde un punto de vista posible, non idealizado. Sen embargo, ela leva máis da metade da súa vida vivindo no estranxeiro. Como se relaciona iso? É dicir, o seu fogar xa está posiblemente no estranxeiro e Irlanda é practicamente o seu país.

Durante a lectura do libro decateime de que hai un tema en Migrantas que é case imposible de atopar noutros libros que falen da emigración ou en calquera discurso sobre a mesma: a maternidade. Teño a sensación de que é unha preocupación que se vive moito máis intensamente dende a diáspora.

O tema da maternidade é unha das constantes do libro pero tamén é normal porque esta xeración de migrantas emigrou de media entre os 30 e 35 anos e xusto coincide con esa idade de proxecto familiar.  En moitas das conversas tocar este tema foi o momento máis emotivo, máis conmovedor. Esta é unha experiencia que eu tamén vivín no estranxeiro. Tiven ó meu fillo en lingua estranxeira, eu parín en lingua estranxeira por así dicilo. E coma min son varias as mulleres que teñen crianzas nadas na diáspora. Mulleres que teñen que levar a cabo a crianza sen axuda familiar, sen esa axuda dos avós é algo moi cultural, moi noso. No libro tamén hai outras mulleres que dun xeito moi consciente están a adiar a decisión de formar unha familia porque consideran que é un acto de egoísmo negar ós seus pais a posibilidade de ser avós.

Para pechar esta charla, eu quería coñecer a túa opinión sobre un tema que está no fondo do libro mais tamén na sociedade. Consideras que o shock a nivel psicolóxico da crise de 2008 está xa superado ou aínda perdura na xuventude que forma a nova diáspora galega?

Penso que a crise de 2008 foi, en parte, a gran escusa que tiveron a nivel político para facer recortes. De feito, hoxe en día non se fala da famosa “prima de risco”. Hai todo un léxico de crise que axudou a convencer a toda esta xeración de que viven en precariedade porque debe ser así e hai que aceptalo. Hai mesmo algo de “estafa”, de experimento político nunha Europa que non estaba dando o resultado económico que posiblemente se esperaba. O que está claro é que si existiu un shock xeracional cando anos antes vendíase a idea do esforzo colectivo e individual, ese “se te esforzas chegarás a conseguir os teus soños” e tamén a idea de formación como o único camiño ó éxito. Esa promesa non se cumpriu e caímos todos do guindo. É algo que pode verse tamén no documental En tierra extraña de Icíar Bollaín, que reflexa moi ben a realidade desta xeración. De todos modos, é probable que a xeración que nos sigue, e que seguramente non sabe o que pasou no 2008 porque non lle afectou dun xeito directo, note co paso dos anos de xeito indirecto o peso da nosa realidade de país, porque unha crise conecta sempre coa seguinte. A historia é como un deja vu, así que seguro que haberá algún experimento económico, sociolóxico e político que afectará a xeración que nos precede.

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.
É graduado en lingua e literatura española pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente cursa un máster dedicado a formación e investigación literaria e teatral no contexto europeo na UNED. Ten coñececementos de varias linguas, participa e dirixe iniciativas culturais, colabora con distintas editoriais e participa en xurados de premios literarios. Na súa bitácora persoal 'Palabra de Gatsby' exerce a crítica literaria e teatral. Un proxecto en continua revisión coa intención de amosar o seu amor polas letras. www.palabradegatsby.com