VIALIA
bannerPicnicSesions

Francisco Castro: “Debemos reivindicarnos como homes feministas”

Francisco Castro (Vigo, 1966) é, ademais do director xeral da Editorial Galaxia, un dos autores da nosa cidade máis valorados pola crítica e o público lector. Foi nomeado como Vigués Distinguido este ano e, non menos importante, como vigués do mes nesta mesma revista. Tras un ano de ausencia nos andeis de novidades volve con O cemiterio de barcos, unha obra ideal para calquera tipo de público e baseada nos grandes piares da súa novelística: amor, amizade, igualdade e misterio. Sen dúbida, unha das grandes obras coas que deleitarse este outono.

Francisco Castro dándolle un grolo ao A2A2 de Deleite | P. Vázquez

Cómo naceu O cemiterio de barcos? Tivo o seu xerme nunha idea desbotada ou recente?

Nace dunha idea que é moi coherente con moitas das miñas preocupacións que xa están noutros libros. Eu quería escribir un libro para a mocidade, pero que tamén puidese ler a xente grande, no que se falase dos dous grandes temas: por unha banda o mal amor, é dicir, a cuestión das relacións concibidas como unha relación de violencia, de dominación; e por outra banda, o tema da memoria histórica. Considero que son dous temas que non abondan na literatura infantoxuvenil e paréceme moi importante que se lle fale ós rapaces e rapazas destas cuestións.

Esta obra é, sen dúbida, unha grande oportunidade para darlle visibilidade a uns temas que moitos xóvenes aínda descoñecen.

Si, do tema da memoria histórica claramente. É terrible que se termine a ESO ou o Bacharelato sen ter máis que catro ideas moi superficiais do que aconteceu neste país desde 1936. Ademais redúcese todo a contar que había dous bandos, os dous bandos liáronse a tiros e gañou o máis forte. Habería moitísimos matices que poñerlle a ese xeito de contar a historia. E logo o tema da violencia de xénero. A min preocúpame moito, como cidadán, que cada vez haxa máis casos de rapaces e rapazas novos que entran neste tipo de dinámicas.

Ese mal amor é un tema que xa temos noutras das túas novelas, aínda que na miña opinión é esta a obra na que máis se reflexiona sobre este tema e sobre como debemos corrixirnos, especialmente os homes, ante esa situación.

Si, claro. O libro é tamén unha defensa dunha nova masculinidade. Persoalmente reivindico un novo tipo de “maneira de ser home”. Na novela enfróntanse dúas concepcións moi antagónicas: por unha banda Lito, que representa o amor testosterónico, patriarcal, polo tanto, un mal amor; e logo temos a David, o protagonista que representa outra maneira de ser masculino. Creo que debemos reivindicarnos como homes feministas, como homes que nos apuntamos ao bo trato, con emocións… Todo iso que o patriarcado nega é moi importante que nós o reivindiquemos.

Normalmente as túas novelas teñen unha ambientación en núcleos urbanos onde vemos as preocupacións máis típicas da cidade. Hai algunha razón para situar esta historia nunha vila máis pequena e ambientala no verán? 

A novela transcurre durante uns días moi concretos do verán e está ambientado nun lugar onde unha familia pasa as súas vacacións. Normalmente a xente non vai vacacionar á súa propia cidade, senón que busca outra clase de paraxes. Ese é un pouco o motivo polo que o escenario cambiou. É certo que a miña novelística é moi urbana, e moi viguesa ademais, pero neste caso si que necesitaba afastarme da cidade porque así o requería a historia.

Durante a lectura da novela eu non podía evitar vincular esa escolla tamén á necesidade de achegarse a esas áreas onde algunhas formas de caciquismo seguen a estar presentes e son parte indiscutible da memoria histórica.

Por suposto. No libro trato tamén, ou intento polo menos, esa cuestión do dominio que determinadas estruturas de poder seguen conservando pasado o tempo, sobre todo nos lugares menos urbanos.

Galaxia presenta esta novela como unha historia para todo tipo de público aínda que a priori pareza unha novela xuvenil.

Iso é o que eu pescudaba. Eu defino este libro como unha obra de fronteira, que a rapazada pode desfrutar e que creo que se fai moi cercano polas personaxes e as vivencias que teñen, mais é tamén un libro que as adultas e os adultos, que me van comentando a medida que o len, desfrutan moito. Creo que con este libro pasa tamén como con Tes ata as dez, que está na colección xuvenil Costa Oeste, pero que podería estar na de adultos perfectamente.

Como lector, creo que non sucede só nalgunhas novelas, senón que nos últimos anos a meirande parte dos títulos de Costa Oeste respostan máis a esa idea de libro total e sen público obxectivo.

De feito creo que é unha tendencia que se está a dar en todos os sistemas editoriais do mundo. A literatura xuvenil é cada vez máis literatura “para adultos” e hai moita literatura que se publica en coleccións para adultos que perfectamente pode ler unha rapaza adolescente.

Xa que falamos de lectura, neste libro ponse en valor a actividade das bibliotecas e tamén da función social da lectura. Na túa obra sempre se falou de literatura, pero quizáis non tanto desde esta perspectiva. De feito, David, o protagonista, ten que enfrentarse a críticas e rexeitamento pola súa relación cos libros.

REVISTA ABRIL

Efectivamente, é terrible pero segue tendo mala prensa ser un rapaz ou rapaza e dedicar tempo á lectura. Como se ve en Tes ata as dez ou en Iridium, é algo que intento defender nos meus libros. De feito, en Iridium, o personaxe de Mario, que na miña opinión é un dos personaxes máis interesantes da novela, tamén se caracteriza por ser un rapaz moi lector, o que o leva á incomprensión de moitos da súa clase que o ven un pouco como un “rarito”, que sempre anda cun libro debaixo do brazo, gústalle escribir… Eu creo que unha sociedade lectora é mellor que unha sociedade entregada á televisión e que hai unha relación directa entre saúde democrática e lectura. Estou convencido de que os índices de lectura altos provocan unha cidadanía máis crítica e polo tanto cunha conciencia democrática máis valiosa. Por ese motivo deslízanse este tipo de temáticas nestes dous libros.

Falando de cidadanía e de conciencia democrática e crítica… Teño a sensación de que a túa obra, aínda que sempre o fose, derivou nos últimos anos cara un punto de vista máis “político”, dito isto desde o punto de vista do posicionamento cidadán, da reinvidación social…

Eu creo que é algo que está na miña obra máis tímidamente desde o comezo,  pero levas razón en que nos últimos anos é unha tendencia máis clara. A miña visión da literatura é unha visión política. Eu sempre digo que a miña obra é política no sentido grego do termo polis. Considero que hai cousas que como cidadáns temos que reivindicar, que non debemos perder, e iso termina saíndo nos meus libros. Non distingo moi ben o meu labor como escritor, articulista de prensa, opinador na televisión ou como editor. Creo que todo é unha acción civil, política e que son distintas maneiras de expresarme e de estar no mundo.

The following two tabs change content below.
É graduado en lingua e literatura española pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente cursa un máster dedicado a formación e investigación literaria e teatral no contexto europeo na UNED. Ten coñececementos de varias linguas, participa e dirixe iniciativas culturais, colabora con distintas editoriais e participa en xurados de premios literarios. Na súa bitácora persoal 'Palabra de Gatsby' exerce a crítica literaria e teatral. Un proxecto en continua revisión coa intención de amosar o seu amor polas letras. www.palabradegatsby.com