CAMELIAS MASCOTAS

Estudio Brétemas, a proba de auga

Neste tempo en que a invernía se mestura con romarías, comparsas e festa a pé de rúa, nada mellor que estrear roupa e complementos con toques de morriña, retranca e aires de noso. Para que poidamos encher o roupeiro con pezas de roupa rematadas con verbas galegas, Rosiña Rojo ideou Estudio Brétemas, unha marca moi orixinal que abrangue camisetas, suadoiros, bolsas de tea e cuncas con mensaxe.

REVISTA NOVEMBRO

Brétemas opta por unha produción sostible que combina tecidos de calidade, deseño minimalista e carácter retranqueiro. A lingua e a cultura propias fan bo xugo en cada unha das pezas de Brétemas e, neste entroido, nada mellor que lucir unha camiseta coa palabra «Filloas» ou entrar en calor cunha cunca de «Caldiño».

Rosiña escolle para a roupa e os accesorios esas expresións que veñen dos nosos avós e aposta polo diálogo feminista; xa se viu polas nosas rúas algunha camiseta que di «Estou ata a cona» ou algunha bolsa que leve escrito «Tetas e pandeiretas» e xa hai quen devece por ter algo así, para berrar ben alto desde o vestir. Aínda por riba, sabemos que non debemos pasar o inverno sen un suadoiro que non lle teme á chuvia ou que reivindica coma ninguén a Galicia profunda. Todo isto e moito máis vén da man desta marca de nome bretemoso, que ademais ten liñas de roupa para bebés, calcetíns, botellas reutilizables, cerámica, mochilas e unhas postais ben divertidas.

Podemos atopar a mensaxe que máis vaia connosco a través da tenda online estudiobretemas.gal ou visitando a tenda física La Contenedora (Eduardo Iglesias, 11) para escollermos a prenda que máis nos acaia da factoría Brétemas. E se chove, que chova!

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)