ENCORDASS

Son un toxo: orgullo bravo

Hai uns anos, Rebeca Domínguez comezou a publicar en redes sociais as súas creacións en forma de ilustracións persoais e viñetas con frases e retranca en galego. Ao pouco tempo, os seguidores comezaron a pedirlle camisetas e outros produtos con esas ilustracións e viñetas, así que Rebeca decidiu botarse á auga, dar resposta a esas peticións e crear a marca téxtil Son un toxo.

Así naceu este proxecto, que, coa axuda da xente, foi crecendo: quen compraba a camiseta compartía tamén como lle quedaba e, dese modo, os seguidores foron subindo e a demanda de produtos foi medrando. No 2022 Rebeca lanzou, en colaboración con ClickAge (axencia de márketing na que traballaba) a web sonuntoxo.com, a través da cal vende directamente todos os seus produtos. Desde o inicio, o lema de Son un toxo é: «Sentimos amor pola nosa lingua, falámola e vestímola», co obxectivo de transformar o orgullo de pertencer á nosa cultura, de promover a nosa lingua e de facer que estea presente na xente, nas rúas e nos comercios a través de camisetas, suadoiros, bolsas, cuncas, tarxetas, chaveiros, cadernos, fundas para teléfono, termos, gorros…

Grazas a esta filosofía de marca xurdiron colaboracións diversas, como coa marca de fundas para móbiles Karkasa, con empresas de acendedores e con outras tendas externas. Ademais, a marca conseguiu medrar máis grazas á axuda de influencers de Galicia como Tania Veiras, Fátima Pego ou Gabi García, entre outros.

Agora que a primavera e o verán xa están tan preto, nós optamos por una colección que arrasa: «Verbena», perfecta para as persoas máis atrevidas, chea de cores rechamantes, e tamén ideal para as máis trouleiras. Se non temos o corpo para moita festa e somos máis de natureza, recomendamos a colección «Somos de Norte», ideal para os amantes da costa, ou «Un solpor en Galicia», para gozar da fin do día en boa compañía. Por suposto, a clásica camiseta ou suadoiro «Son un toxo» é un must no armario dos máis bravos.

@sonuntoxoemais | www.sonuntoxo.com

Estela Gómez
Correctora literaria e redactora de contidos

REVISTA XUNHO
The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 1992 preto do mar. É filóloga, escritora e correctora literaria, amiga do analóxico, a cultura e a moda vintage. No 2021 foi unha das dez escritoras seleccionadas da Residencia Literaria da Cidade da Cultura dirixida por Javier Peña. No 2025 publicou a súa primeira novela. Poderás atopar a Estela na biblioteca, no cine, no museo, no teatro, nun concerto ou no centro da cidade lendo un libro ao sol.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)