CAMELIAS MASCOTAS

Elena Medel inaugura este venres o PoemaRia

Os versos de poetas galegos, nacionais e internacionais volverán resoar esta fin de semana con forza na Ría de Vigo. A terceira edición de PoemaRia reúne na cidade a artistas da talla da poetisa Elena Medel que inaugurará o evento o venres ás 20:00 horas na Casa Galega da Cultura. Os actos continuarán durante a fin de semana no Instituto Camões, na praza do Abanico e no Fai Bistés. Falamos cos seus organizadores.

Cal é o xerme de PoemaRia?

PoemaRia naceu fai dous anos porque Vigo non tiña un festival de poesía onde o público tivese a oportunidade de coñecer e escoitar a poetas profesionais galegos, españois e internacionais. En Vigo, e en Galiza en xeral, hai unha gran cantidade de poetas profesionais, mais non existían moitos eventos para que o público puidese gozar deles en vivo.

Está claro que Vigo é unha cidade literaria e, especialmente, poética como pode verse en eventos como este ou o Festival Kerouac…

Cando nós comezamos existían xa iniciativas como Poetas D(in)Versos en A Coruña, un ciclo marabilloso dirixido por Yolanda Castaño; PontePoetico en Pontevedra; Poetas Salvaxes; Poemagosto en Allariz e o Festival dos Eidos en O Courel. Agora temos, ademais do noso, Alguén que Respira! en Compostela, outra iniciativa nova que presenta a novas voces performativas na poesía contemporánea e o Festival de Poesía Fala o Mar en Combarro, dirixido por Tamara Andrés. Estamos moi orgullosos de formar parte desta nova ola de expresión poética.

Este ano teremos o pracer de ter na cidade a poetas de sona internacional como Elena Medel.

Si, dende o inicio quixemos levar a Elena a PoemaRia pero, evidentemente, é unha poeta e editora con moitísimo que facer. Finalmente temos a sorte de tela con nós e abrirá o festival, o venres 29 ás 20:00 na Casa Galega de Cultura, xunto a Dores Tembrás.
Tamén teremos a sorte de escoitala o sábado as 20:30 no Centro Camões falando sobre o seu recente libro ‘Todo lo que hay que saber sobre poesía’ (Ariel,2018).

No festival teremos poetas recitando en varias linguas e de diversas partes do mundo. Está claro que para PoemaRia non existen fronteiras no eido poético.

A poesía non ten fronteiras. Unha palabra pode saltar calquera muro. Cando Ted Hughes e Daniel Weissbort fundaron Modern Poetry In Translation fai 50 anos, foi para que as voces do leste de Europa se escoitasen no oeste. Abriron os seus ouvidos cara a Muralla do Berlín e compartiron todo aquilo que escoitaron.
É como se o primeiro grito do ser humano nunha cova fose o primeiro poema, a reacción do pai ou a nai a este grito fose a súa primeira tradución e dende entón seguimos enriquecéndonos  dese proceso.
Tamén, claro, tratamos de novas linguaxes poéticas como a videopoesia con VERSOGRAMAS e a teatropoesia con A ARTSTICA e Pluriversos de ESAD.

En PoemaRia teñen gran protagonismo ás voces femininas.
A verdade é que escollemos aos poetas que cremos que teñen algo interesante que dicir. É obvio que as escritoras sofren unha discriminación dende hai moitísimos anos. En 1976, a Editorial Galaxia publicou ‘Unha Ducia de Galegos,’ un libro moi importante para a época con conversas con xente tan interesante como Ferrín, Pedrayo, Blanco Amor entre outros. Obviamente é un libro fundamental durante a transición en Galicia. Non obstante, os doce galegos eran iso, doce homes. Ese aspecto pódese entender no contexto dos setenta, mais recentemente reeditaron este libro conformado, outra vez, por 12 homes. Entón, consideramos que hai que facer algo para dar a coñecer e combater este tipo de desequilibrios, ou se o prefires, machismos.

REVISTA NOVEMBRO

Poderemos asistir a espectáculos en diversas localizacións da cidade. Foi complexo colaborar entre tanta xente para tecer o programa?
Cada ano máis xente e máis organizacións e institutos achégansenos para colaborar con nós porque ven que somos profesionais e que PoemaRia non é unha plataforma para publicitar a nosa propia poesía. Nós nunca nos programaremos a nós mesmos para o festival. Para nós está claro, ou organizas ou participas.
Hai grupos como Asoc. Cultural De Casco Vello Alto – con quen compartimos toda a filosofía sobre o uso da cidade, o arte e o espectáculo–  e, en verdade, sen eles e outros como o Instituto Camões, a Cátedra Internacional de Jose Saramago, o Arts Council of Ireland ou a ESAD sería case imposible ter PoemaRia cada ano ou facelo cada vez mellor.

Para rematar, podería adiantarnos algunha sorpresa desta edición?
Sorpresas sempre hai, pero se as adiantamos xa non son sorpresas, ou mellor dito, en palabras da poeta irlandesa Anamaría Crowe Serrano nun poema traducido ao galego por María Reimóndez:

non se pode describir –
o ceo invertendo 
a froita
no sorriso dela
dicíndoo todo

(GMT+01:00) Casa Galega da Cultura


(GMT+01:00) Praza do Abanico


(GMT+01:00) Instituto Camões


(GMT+01:00) Praza do Abanico


(GMT+01:00) Fai Bistés

The following two tabs change content below.
É graduado en lingua e literatura española pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente cursa un máster dedicado a formación e investigación literaria e teatral no contexto europeo na UNED. Ten coñececementos de varias linguas, participa e dirixe iniciativas culturais, colabora con distintas editoriais e participa en xurados de premios literarios. Na súa bitácora persoal 'Palabra de Gatsby' exerce a crítica literaria e teatral. Un proxecto en continua revisión coa intención de amosar o seu amor polas letras. www.palabradegatsby.com