El Sevilla: «Intento ser politicamente correcto, non falo de droga, política ou relixión»
Miguel Ángel Rodríguez, máis coñecido como El Sevilla, visitara o 13 de febreiro a Sala Point co monólogo Esto es Rocanró. Colaborador de moitos programas de radio e televisión, tamén sacou catro libros coa súa firma. Con iso, é enriba dun escenario á fonte do grupo Mojinos escozíos, co que xa leva máis de 20 anos e 16 discos, véselle feliz e cómodo. Falamos con el do espectáculo que nos trae, de música e do seu estilo inconfundible.
Qué podemos esperar de Esto es Rocanró?
Pois é un monólogo onde me aproveito de ser o cantante dos Mojinos escozíos para falar de todo o que non é rock’n’roll. O rock non é o que a xente imaxina: non é deitarse ás sete da mañá e ir nunha furgoneta chea de tíos cantando AC/DC, é erguerse ás sete da mañá, levar aos nenos á escola cantando Veo, veo, ¿qué ves?… É unha forma de darlle a volta á tortilla, o rock’n’roll só está como concepto. Falo de miña nai, dos meus fillos… de todo o que ten que ver comigo menos do rock’n’roll. É como unha autobiografía pero con moita broma e moito chiste.
Como consegue El Sevilla facer o que fai nesta sociedade cada vez máis politicamente correcta?
Intentando ser politicamente correcto, non se pode ser doutra forma. Facendo un monólogo que non toque temas delicados como droga, política ou relixión. Pódese facer rir sen entrar neses temas.
Pero desde os teus comezos sempre te caracterizaches polo teu sentido do humor, máis incorrecto e picante do habitual.
Se analizas as case trescentas cancións dos Mojinos, algo ben difícil, verás que en ningunha falamos de política ou facemos apoloxía das drogas. A xente non sabe a que partidos políticos votamos, se somos taurinos ou antitaurinos… O que facemos é para todos os públicos, e desde o momento que digas algo que te posiciona, xa te deixan de escoitar ou xa non te contratan os concellos do PP ou do PSOE. Somos politicamente incorrectos falando das bromas que sempre se fixeron na música anglosaxoa, do sexo sempre a través do dobre sentido ou da ironía. Nunca nos metemos en temas profundos.
Despois da polémica no programa Operación Triunfo, proporías a María e Carlos para que canten algunha canción dos Mojinos?
Eu é que nin sequera lin a polémica. Agora mesmo non sei nin quen é María nin quen é Carlos. A min pasáronme unha serie de titulares para falar nun programa de La Sexta, pero non sei nin quen son eles. Sei de que vai o programa, pero a verdade é que sempre se levan as cousas lonxe de máis. Paréceme xenial que haxa ese tipo de programas e que vaian os rapaces cantar aí, pero é algo que non me quita o sono.
Ti que consideras máis importante para triunfar na música a día de hoxe?
A técnica seguro que non, porque coñezo a moitos músicos incribles, uns virtuosos, que despois non triunfan e acaban tocando Paquito el Chocolatero e cousas así. O que fai falta hoxe en día son cantantes con personalidade. Hai moitos anos saían trinta grupos como Camela ou Andy y Lucas. Agora tes que ser Camela ou Andy y Lucas para triunfar na música, tes que ter o teu estilo, defendelo e que sexa crible. Fai falta máis que unha voz bonita ou que o virtuosismo.
Cantante, humorista, músico, presentador, actor, escritos… que etiqueta te define mellor?
Eu son o cantante dos Mojinos escozíos. A raíz diso teño a sorte de facer outras moitas cousas. Fago radio desde o 97 (agora en Radio4G), fago televisión cada mañá en La Sexta, fago monólogos desde hai catro anos… pero é o cantante dos Mojinos o que fai todo iso. Gústame todo o que fago, senón non o faría, pero o que máis me gusta é cantar coa miña banda.
O ano pasado foi o da celebración do 20 aniversario de Mojinos escozíos, unha banda que sempre se mantivo fiel a un estilo. É doado ser coherente durante tanto tempo?
Se che gusta o que fas si, é moi fácil. Levamos celebrando o 20 aniversario tres anos xa (risos). Temos a sorte de que sempre fixemos a música e as letras que nos gustan, entón é moi sinxelo ser fieis. E como o que máis nos gusta é a música, pois seguimos os mesmos que cando empezamos, e non só os mesmos músicos, senón tamén os técnicos, o equipo…
Debe de haber moi poucos grupos en España que manteñan os mesmos integrantes despois de vinte anos.
Habería que facer memoria, pero a verdade é que si. Grupos nos que queden tres ou catro compoñentes si, pero nos que estea a banda enteira… Un dos nosos técnicos é o mesmo que nos gravou a nosa primeira maqueta no 94. O máis novo de todo o equipo leva connosco 19 anos, e é o novo. Somos un grupo moi familiar; o batería é o pai dun dos guitarristas e o irmán do baixista e este é o tío doutro guitarrista. A familia, como os italianos, pode que sexa o que manteña unido a este grupo.
Pensas que este ambiente tan familiar e unido é clave no éxito dos Mojinos?
Hai que choiar para conseguir o éxito, pero si que é certo que hai grupos de éxito con moito talento que se foron a tomar vento polas drogas ou polo alcohol. As drogas non existen nos Mojinos escozíos, e nunca cancelamos un concerto porque un dos membros fose borracho. Ao principio eramos catro casados e un solteiro; o solteiro casou e os casados divorciámonos. Non o digo con orgullo, todo o contrario. Primeiro poñiamos a música por diante de todo, e co tempo dáste de conta de que non é o máis importante.
Os Mojinos tedes algunhas versións de clásicos do rock coa letra cambiada. Gústavos máis iso ou compoñer desde cero?
En realidade, as versións fixémolas no primeiro disco, hai xa 21 anos. O que si que facemos é, á hora de arranxar un tema, meter esa guitarra que farían os Rolling Stones ou a base que farían os AC/DC. Era unha pena ter que darlle o diñeiro a outra compañía porque os temas eran de outros. Por iso empezamos a compoñer nosoutros. Aínda que sempre haxa cousas nas nosas cancións que soen a outros grupos, non imos ter problemas coa SGAE.
Texto: Pablo Vázquez
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024