REVISTA ABRIL

Brais González (Caspervek): “O xeito correcto de ver un filme mudo é con música en directo”

O pianista e compositor vigués Brais González, fundador de Caspervek, está a piques de estrear a súa primeira ópera en Italia e traballa na composición da banda sonora de The Hunchback of Notre Dame, que estreará o 23 de setembro no Galician Freaky Film Festival e acompañado dunha orquestra.

Caspervek en 2019 | P. Cermeño

Houbo un tempo no que os filmes non tiñan son, senón un grupo de músicos que acompañaba en directo a historia coas súas notas. Unha práctica improvisada e pensada máis para esconder o molesto son do proxector que para o deleite musical, que tornouse parte intrínseca do sétimo arte. Nos anos 20 todas as proxeccións contaban con acompañamento musical que acotío era composto con criterio e para expresar as sensacións manifestadas na pantalla.

Xa neste século e na nosa cidade, Caspervek reproduce aquel marabilloso costume sen limitarse a interpretar as bandas sonoras de outrora, senon compoñendo as súas propias. Así nolo explica o compositor Brais González, que confesa que “no momento de compoñer non escoito a música orixinal en ningún momento”, para así crear algo completamente novo. As súas composicións adoitan estar arraigadas na música clásica, combinada con jazz, folk e música contemporánea. Para Brais “o xeito correcto de ver un filme mudo é con música en directo”, pois así foron concebidos. O músico tamén considera que a musicación en directo é “un xeito atractivo de achegar o cine mudo á sociedade actual”.

Nos nove anos que Caspervek levan musicando filmes mudos crearon un extasiante catálogo formado por máis de 30 longametraxes e unha veintena de curtas, das que Nosferatu, adaptación de Drácula de F.W. Murnau, foi a primeira. Seguiron cultivando o gusto polo expresionismo alemán con El gabinete del doctor Caligari, Amanecer, ou Haxän; así como a devoción polo cómico estadunidense Buster Keaton, de quen teñen musicado unha ducia de traballos: The Cameraman, El maquinista de la general, Go West, El Colegial, Las tres edades… e outras curiosidades como Las aventuras del príncipe Achmed, o primeiro filme de animación da historia.

REVISTA ABRIL

Brais González aténdenos desde Italia onde está a piques de ver en escea a súa primeira ópera, Lobra Branca, unha composición baseada nas lendas da Serra do Courel que se estreará este domingo no Festival delle Nazioni de Città di Castello, un dos máis relevantes do mundo en música clásica.

A súa seguinte estrea será The Hunchback of Notre Dame, no seo do Galician Freaky Film Festival, un certame de cinema fantástico, de terror e serie B que celebra en setembro a súa sexta edición. O filme, baseado na novela homónima de Víctor Hugo, foi unha superprodución estreada en 1923 e dirixida por Wallace Worsley. Un dos motivos do seu éxito foi a interpretación de Lon Chaney como Quasimodo. Apodado ‘o home das mil caras’ Chaneyconvertiríase nun dos actores mellor considerados de Hollywood grazas, en grande medida, a este traballo. Tamén destacou pola grandiosidade dos decorados e o traballo de maquillaxe, inauditos nos anos 20.

Para González The Hunchback of Notre Dame é “unha xoia do cine que é preciso recordar” e que confía en que terá boa aceptación ao tratarse dunha historia coñecida. “Algúns sorprenderanse de que exista unha peli revia á de Disney e podo asegurarlles que esta é mil veces mellor”. Non é a primeira vez que o trío Caspervek participan no GFFF, pero desta vez farano acompañados dunha orquestra de dez persoas. A cita é o 23 de setembro, ás 19h, no Auditorio do Concello de Vigo e as entradas estarán dispoñibles a próxima semana na web do GFFF.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.