CAMELIAS MASCOTAS

Diego Giráldez : “A clase política son os nosos empregados e cobran e viven mellor ca nós”

O autor Diego Giráldez presenta hoxe na Casa del Libro a súa primeira novela, Hotel para coleccionistas discretos. Unha obra que retorce a realidade con doses de humor e atmósferas delirantes. A Movida fala co escritor sobre estes particulares coleccionistas… Ata onde son quen de chegar por manter o seu status de poder? Pode unha patria fráxil soportar os seus antollos?

Diego Giráldez, autor de Hotel para coleccionistas discretos |Antón Veiga

Ao rematar de ler a novela, no medio das risas, un queda cunha sensación estraña de pensar  que o que acontece neste hotel pode estar pasando na realidade. Tomaches algún modelo da actualidade para crear estes coleccionistas?

Si que está baseado nunha realidade: que nas altas esferas do poder, nese sistema de favores, as persoas móvense con esa sordidez.

Pénsao ben. Un ex comisario de Policía, Villarejo, utiliza a prostitutas para obter información e, logo, chantaxear ao poder;  aparece unha persoa vestida de sacerdote secuestrando á familia de Bárcenas, que, finalmente, enterámonos que foi financiado polo Ministerio de Interior ou o asasinato do xonarlista Yamal Khashoggi… O que quero dicir con isto é que a realidade supera á ficción. Esta xente móvese neste tipo de extremos.

De aí a frase que serve de promoción da novela: nas altas esferas de poder só hai psicópatas. Se o pensamos ben neste establishment, neste poder económico e político, e nalgún máis tamén, o poder minte sen ningún tipo de remordementos ao igual que os psicópatas. Finxen tamén emocións: como cando recortan en sanidade pública para logo favorecer ao seu colega que ten hospitais privados.

Falabas agora dos poderes e, precisamente, un dos personaxes é un xornalista ao que se fai referencia a el coa frase: cando un xornalista pasa de estar mal pagado a ter poder, cae na farándula. É certo que algún exemplo si que nos ven a todos e a todas á cabeza… Pero neste senso, que papel debe ter a prensa neste contexto onde un grupo reducido de persoas, con cero empatía, goberna á cidadanía?

O problema é que os grande grupos mediáticos están abrazados ao poder político e financeiro. O outro día vin que o ex director de El Mundo, David Jiménez, acaba de publicar un libro que fala precisamente disto sen ningún tipo de escrúpulos: os grandes grupos mediáticos e políticos están unidos da man. Hai moita xente a favor do que fixo Jiménez, pero hai outra que se pregunta por qué non o cambiou cando estaba dentro. Pois porque é moi difícil meterse con Gas Natural, por exemplo, cando hai publicidade no medio de Gas Natural.

O peor que lle pode pasar a un xornalista agora mesmo non é que o censuren senón que se autocensure. Aínda que eu sempre digo o mesmo cando se xeneralizan opinións contra os medios como inimigos do país: se non che gustan eses medios hai outros, que son libres e independentes e que están a facer un traballo moi sincero e un xornalismo, nos tempos que corren, moi decente.

Tamén é verdade que as veces a cidadanía non se dá conta de que, en realidade, é ela quen ten o poder.

É moi lamentable ver, tal e como dixo o outro día un xornalista na televisión, que a clase política son os nosos empregados e sendo os nosos empregados cobran máis ca nós, viven mellor ca nós e fan de nós o que queren… Isto nunha empresa privada sería imposible.


Diego Giráldez, coa súa primeira novela |Antón Veiga

Ese grupo de poderosos que se reúnen na novela realmente do que adoecen é de soidade ou esa é o que transmiten. É así?

Verdade que si? Foi unha das miñas intencións. Xa teñen de todo e xa chegaron tan alto que o único que lle queda é a extravagancia para ser protagonistas de algo. É unha novela de soidade, non soamente de Amalia que acaba nese grupo por sentirse soa senón que, tamén, como dis, a xente dese grupo está totalmente soa. Están soas polo seu exceso de individualismo. Nese círculo non pode haber amigos.

Outra das actividades dun personaxe é a do encargado do sector turístico de transplantes. Coas propostas de certo partido político sobre os ventres de aluguer, é unha mostra máis de que, aínda que a novela sexa ficción, ten parte de verdade…

Exactamente. Moitos lectores e lectoras dinme que se quedan coa sensación de “E si isto pode pasar?” Todos estes personaxes quixen contrastalos con outros personaxes, que son máis do común para que se decatasen de que este tipo de xente, a común, si que ten moito que perder.

Por iso que cando me din que a novela é paranoica, eu digo que é delirante, divertida, pero non é paranoica…

En canto á estrutura da novela, é moi visual, case como un guión cinematográfico… Foi de forma intencionada?

É un libro moi cinematográfico. Transcorre como se fosen planos. Hai un guiño moi humilde a Berlanga e á súa obra A escopeta nacional e tamén á película, de Wes Anderson, Gran Hotel Budapest, que se ve na portada do libro.

Antes de sacar esta primeira novela, publicaches un libro de relatos… con que xénero te quedas ou te sentes máis cómodo?

REVISTA NOVEMBRO

Son un autor preguiceiro… Entón quédome con calqueira cousa curta. Pola miña vida, que non dispoño de moito tempo, escribo de forma moi fragmentada. Escribo con coidado de estilo e coido moito cada línea… O meu xénero é a narración curta.

Sempre que teño ocasión de entrevistar a un escritor ou a unha escritora, tento saber se é posible vivir de escribir. É o teu caso?

Eu, non. Non é doado. O sistema literario, en xeral, é un mundo moi complexo. Hai moitos factores que fan que unha obra pegue un bombazo, se non se da, non vas a brillar de tal xeito para vivir disto. Cando a Antonio Machado lle preguntou un escritor novel o que hai que facer para triunfar, repostoulle “póngase usted a la cola”. É moi complicado.

(GMT+01:00) Casa del Libro

The following two tabs change content below.

Eva M. Porto

Dende que a súa nai e o seu pai lle regalaron o libro dos por ques, decidiu que sería a nena que buscaría sempre os porqués. Estudou o Grao en estudos do galego e do español na Universidade de Vigo e no 2016 comezou o Grao de Periodismo na Universidade Europea Miguel de Cervantes. Aprendou o “oficio máis bonito do mundo” en Radio Vigo, Diario de Pontevedra e Onda Cero Ourense. Protestando dende 1993.