REVISTA ABRIL

Diego Giráldez entrevista a catro escritoras galegas en ‘De Letras e Galegas’

O escritor porriñés Diego Giráldez conduce a serie documental De Letras e Galegas, dirixida por Antón Veiga e formada por catro conversas de 20 minutos coas autoras galegas Ledicia Costas, Inma López Silva, Arantza Portabales e María Solar. Un proxecto que busca poñer en valor o labor das escritoras ao longo da nosa literatura, afrontando principalmente dúas dificultades: ser muller e escribir en galego.

REVISTA ABRIL
Ledicia Costas conversando con Diego Giráldez | Mateo Hernández

A literatura galega sempre lle debeu moito ás mulleres. Pero neste novo século, o paso adiante das mulleres nas nosas letras xa non é unha moda ou un asunto temporal. Chegaron ao asalto, para quedar na primeira liña. A través dunha serie de entrevistas persoais, coñeceremos algo máis das súas personalidades, os seus estilos, as súas influencias. Xuntas, atesouran milleiros de libros vendidos. Con xéneros que van desde o infantil, ata a novela negra ou o ensaio. As súas obras lograron algo ben difícil no mundo da literatura: gañar o favor do público e da crítica e o sector.

As catro conversas, duns 20 minutos cada unha, están realizadas con elegancia e sobriedade nos propios fogares das autoras, axunda así a crear unha atmosfera máis íntima. Nelas, entrevistador e entrevistadas charlan de forma distendida de diferentes ámbitos do mundo da escrita, como son os inicios, a traxectoria, a conciliación laboral e persoal ou o proceso creativo.

A continuación deixámosvos cos catro capítulos de De Letras e Galegas, dirixidos por Antón Veiga con fotografía de Mateo Hernández e edición de Mon Moares: