COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Antón Veiga leva ao cine a obra de Diego Giráldez

Esta semana estase a rodar en Porriño Para sempre, Málevich, unha curta baseada nun libro do escritor galego Diego Giráldez. O proxecto está comandado por Antón Veiga, con quen falamos para que nos conte a orixe e o proceso creativo que hai detrás desta emocionante iniciativa audiovisual.

Cameo do escritor Diego Giráldez na curta | Andrea Mariño

Existen moitos escritores que teñen unha maneira de contar as súas historias no papel máis próxima ao cine que á literatura máis tradicional. É o caso de Diego Giráldez, ou polo menos iso é o que notou Antón Veiga en Galería de Saldos, o libro do autor porriñés no que se baseou para realizar a curta Para sempre, Málevich: “o seu xeito de describir as escenas, as accións, o seu universo persoal, sempre nos pareceu que pedía levalo a imaxes. É un exemplo de nova literatura galega, que bebe da linguaxe cinematográfica, e que resultaba moi natural para percorrer o camiño contrario”.

Concretamente, a curta versa sobre unha das historias deste libro polo “seu potencial como historia pechada”, mais atoparemos numerosas referencias e cameos de personaxes do resto de relatos. “Queremos que se cree un diálogo entre o libro e a curta“, comenta Veiga, que deixará “ovos de Pascua” como agasallo para os que leron o libro completo.

Preguntado por se Diego Giráldez interviu na creación do guión, Veiga recoñece que tivo “total liberdade por parte del. De feito, non leu o guión ata que non estivo totalmente pechado. E a súa resposta non puido ser máis positiva, emocionouse“. Ademais, o propio escritor terá un pequeno papel que sirve de “homenaxe ao creador deste universo tan fascinante”.

O filme pretende ter unha forte vertente social e inclusiva, xa que a historia versa sobre un marchante de arte cego. Polo tanto, “o máis honesto pareceunos procurar un actor que tamén tivera esa diversidade funcional”, que é o caso de Felipe Cotelo. Do outro lado atopamos a Iria Sobrado, que para Antón é “unha desas grandes actrices do noso país. Traballar con ela está a ser un auténtico pracer, o soño de calquera director”.

A curta conta tamén con certa presenza viguesa, xa que os rapaces e rapaces do IES Audiovisual de Bouzas están a botar unha man no apartado técnico. A maiores, Veiga adiántanos en exclusiva que o músico Eladio Santos, que vén de presentar un novo adianto do próximo disco da súa banda, foi o encargado da composición da canción orixinal da obra. Todo un luxo.

En total, un equipo dunhas 21 persoas están estes días a rodar en diferentes localizacións de Porriño (Hotel Maracaibo, Sala Ingrávida, Bumba…), vila “chea de cultura e boa xente” na que segundo Antón todo están a ser facilidades por parte das institucións, hosteleiros e cidadanía. A intención do director é presentalo para esta edición do Festival de Cans, que pecha as incricións o próximo 1 de marzo, “pero a estrea será no mes de marzo, cunha festa na que temos preparadas algunhas sorpresas máis que interesantes”.

SONRIAS

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.