REVISTA ABRIL

Ana Fontenla: «Hai moita calidade na literatura galega, creo que é unha bomba que vai estoupar»

[Esta entrevista foi publicada na reportaxe Á reconquista da lingua, da revista de Maio do 2019. Pincha aquí para volver ao artigo principal]

Hai só un ano que comezou a falar en galego e xa ten un libro publicado na nosa lingua. Logo de ter presentado a diferentes concursos o seu debut literario, Números vermellos, o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, fixouse nos canonazos que esta vilagarciá manda desde as súas letras.

Como decidiches empezar a falar en galego?

Fun educada en castelán e coas miñas amigas sempre me desenvolvín en castelán. Conciencieime ao comezar na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) co meu profesor de dramaturxia, Alfonso Becerra, que é unha persoa comprometida. En Lisboa tiven a oportunidade de ver as obras de grandes autores e terminei por darme de conta. Se eles escriben na súa lingua, por que non ía facelo eu na miña?

Hai un mes pechou a libraría Andel. Os propietarios sinalan que o sistema educativo non fomenta a lectura e moito menos en galego… Como se pode arranxar isto?

Coa motivación dos docentes e con variedade, porque non todo o mundo le o mesmo. Unha renovación das lecturas obrigatorias podería ser un bo paso.

Entendo que vas seguir escribindo en galego?

E tamén en castelán, creo que iso é positivo. Pero en galego estou máis cómoda e é un selo de identidade. A xente pensa que pode ser negativo á hora de saír de Galicia, pero creo que é ao revés. Debemos recoller todo o que temos como ferramenta útil, porque é marabilloso, e levalo ao mundo.

Cres que existe certa desmemoria lingüística no galego e na súa literatura?

REVISTA ABRIL

Supoño que si, pero eu non son cen por cento consciente. Decateime de que, aínda que cada vez falo en galego de forma máis fluída, hai moitas palabras nas que teño dúbidas ao comunicarme.

Cal é o futuro da lingua galega na literatura?

Hai moitos artistas facendo cousas de calidade. Eu creo que esta bomba vai estoupar dalgún xeito e vai saír a flote. E a xente, á vez, vaise interesar pola cultura.

The following two tabs change content below.

Eva M. Porto

Dende que a súa nai e o seu pai lle regalaron o libro dos por ques, decidiu que sería a nena que buscaría sempre os porqués. Estudou o Grao en estudos do galego e do español na Universidade de Vigo e no 2016 comezou o Grao de Periodismo na Universidade Europea Miguel de Cervantes. Aprendou o “oficio máis bonito do mundo” en Radio Vigo, Diario de Pontevedra e Onda Cero Ourense. Protestando dende 1993.