REVISTA ABRIL

Diego Arroyo (Veintiuno): “Na música hai moi pouca conciencia de clase e moita falacia instaurada”

No 2019 actuaron na xa extinta sala El Contrabajo, e dous anos despois farán o propio no hall do Auditorio Mar de Vigo este sábado 16, acompañados por La La Love You. Referímonos a Veintiuno, un cuarteto toledano de pop que aproveitou a pandemia para lanzar o seu terceiro e máis ambicioso álbum, Corazonada. Falamos con Diego Arroyo, líder da banda.

Os catro integrantes da banda, con Diego Arroy abaixo | Cedida

Cando chamamos a Diego Arroyo o luns 11 pola mañá parece tomarse con humor o feito de estar traballando e non facer ponte: “Son autónomo, podo escoller cando foderme”. A súa maneira de falar trasmite esa paixón que está tan patente na súa música e que lles fixo aumentar notablemente a súa popularidade nuns poucos anos. Este sábado 16 volven a Vigo da man de Vibra Mahou, onde actuarán no hall do Auditorio Municipal Mar de Vigo xunto coa banda La La Love You.

REVISTA ABRIL

Diego móstrase confiado nun proxecto co que chegaron a endebedarse para gravar o álbum Gourmet: “Queriamos facer ese disco e non tiñamos nin oficina, nin discográfica nin ninguén detrás, ata o punto de que chegamos a durmir no chan do estudio”. Uns meses despois Warner chamou á súa porta, ofrecéndolles formar parte da compañía. Aceptaron, iso si, con condicións: a liberdade creativa non se negocia. Semella que ata o momento a relación vai ben, pois veñen de publicar Corazonada, onde se deixaron aconsellar pola discográfica: “Dixeron algo así como ‘facede o proxecto que vos saia dos collóns, pero con tempo, por favor'”, lembra Arroyo.

Tempo tiveron dabondo, pois a pandemia obrigoulles a cancelar máis de 40 concertos. O que en principio foi un golpe demoledor, eles o aproveitaron para mimar e facer medrar o disco, que se convertiu nunha fábula dividida en tres actos: “De 25 cancións quedaron 14, aínda que podo adiantarche a final de ano sairá unha edición extendida con temas inéditos”, revela o músico. O disco móvese entre o pop enérxico e íntimo, o R&B e a inevitable influencia da música urbana, aínda que Diego defende que as guitarras están a volver a primeira liña: “Estou convencido de que é así. No fondo son ciclos, e cando a xente se aburriu das guitarras houbo seis ou sete anos de sequía. Agora hai propostas moi estimulantes de xente que vén do trap pero canta sobre bases de rock, como Funzo & Baby Loud ou Pole”, reflexiona.

Ao longo da conversa sae a relucir en varias ocasións o tema económico, algo que moitos artistas prefiren non mentar: “Gústame falar disto porque na música hai moi pouca conciencia de clase e moita falacia instaurada, como o feito de que deixas de ser independiente ou underground ao fichar por unha multinacional. Resulta divertido, pois a maioría da xente que coñezo que fixo carreira no indie veñen de familia de pasta. Algo lóxico, xa que ti non podes invertir tempo e cartos no teu proxecto musical se estás preocupado por ter que comer“, subliña Arroyo. “Á arte só se poden dedicar os que teñan o cu cuberto ou os tolos que teñan pensado deixarse os cornos, e é máis problable que ao segundo grupo lle saian as cousas mal”, finaliza.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.