Dez plans para a fin de semana de Entroido en Vigo
É tempo de Entroido en Vigo e ademais das actividades organizadas polo Concello, os barrios e os locais énchense de propostas para que gocemos destas festas. Ademais de disfraces e orellas estes días tamén podemos gozar de música en directo, teatro e moitas outras actividades, as tedes todas na sección de axenda da nosa web. Aquí a nosa selección de 10 plans, podedes ampliar a información pinchando no título de cada actividade.
Actividades de Entroido da Porta do Sol – De venres a mércores
O Concello de Vigo organiza unha morea de actividades para festexar o Entroido, desde a tradicional comparsa de carrozas, pasando polo concurso disfraces, ou o enterro da sardiña. Tampouco faltarán os grande concertos con grande expectación pola actuación de Tanxugueiras, que darán comezo aos festexos carnavalescos o venres ás 21h.
Vivir o Entroido tradicional cos Merdeiros – Venres, domingo e martes
Os Merdeiros son a careta tradicional de Vigo, como as Pantallas de Xinzo, ou os Peliqueiros de Laza. Desde a asociación co mesmo nome de Vigo levan anos recuperando e reivindicando a súa presenza nas rúas. As súas saídas están previstas venres, domingo e martes, tanto pola mañá como pola tarde.
Entroido Swing – Venres ás 20h
Swing On Vigo están en todas as festas e non podían faltar no Entroido. Un concurso de disfraces, unha clase aberta de lindy hop, varios DJ poñendo a mellor música das décadas pasadas, bebida, comida e o soño de calquera bailarín de swing: chan de parqué. A clase realízase con taquilla inversa (págase o que cada un considere ao acabar) e o resto do evento e gratuíto e de acceso libre.
Roteiro do Entroido – Sábado ás 11h e domingo ás 17h
Vigo Turístico propón un roteiro pola cidade para coñecer mellor aos Merdeiros, a tradición do Meco, o porqué do enterro da sardiña e outros datos curiosos sobre o Entroido vigués. Que non nos engane o de “turístico”, estes percorridos a pé están pensados especialmente para que os vigueses coñezamos mellor a nosa propia cidade. O punto de saída é a Colexiata e as entradas poden adquirirse por 10,00 €.
Entroido en Bouzas – Sábado de 16:30 a 21:30h
O barrio de Bouzas conta coa súa propia programación de Entroido para esta fin de semana e a seguinte. Na Alameda e con ambiente familiar, haberá música no palco, tatuaxes temporais e brillantina para todos. Non é o único barrio que estará animado: O Calvario, Coia e Teis tamén vivirán festas de Entroido pensadas para a cativada.
Entroido en Vialia – De venres a mércores
Pasarrúas, xogos, obradoiro de máscaras e de disfraces reciclados e por suposto desfile e festa de disfraces. Todo isto é o que ofrece o Centro Comercial da estación para os días de Entroido. Non é a única gran superficie con actividades, no Centro Comercial Camelias, no Gran Vía e no Travesía tamén organizan festas por estas datas.
Concerto de Skarajazz en Cañaveral – CANCELADO
Para continuar a festa na Porta do Sol despois do concerto das Tanxugueiras, Cañaveral acolle a música en directo de SkaraJazz. O cuarteto ofrece unha cornucópia de estilos desde a rumba, ata o ska, pasando polo swing e a bossa nova.
Concerto de Bala na Sala Rouge – Sábado ás 20:30h
Pode que sexa unhas das últimas oportunidades de escoitar ‘Maleza’ en directo, considerado por numerosos medios como un dos mellores discos do ano. Pronto o dúo formado por Anxela e Violeta pecharanse no estudio a gravar o seu novo traballo; pero antes estarán repartindo estopa na sala Rouge.
Passport no Auditorio do Concello – Venres e sábado ás 20:00h
Vigocultura trae o novo espectáculo de Yllana Teatro, a historia de catro ćomicos de xira por un país chamado Komedistan. Passport é unha homenaxe á vida das artistas que cruzan fronteiras co propósito final de compartir a risa por todo o planeta. As entradas custan 12,00€. Bule que quedan moi poucas butacas!
Obradoiro de mantemento de bicicletas en Decathlon – sábado ás 12:00h
Decathlon organiza un obradoiro na súa sede do CC Meixoeiro onde aprenderemos a facer o coidado da bicicleta e tamén a diagnosticar e detectar varias avarías antes de que sexan demasiado graves. Haberá demostración e algunha pequena reparación.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024
- Monkey Park, diversión salvaxe en Portugal - 12 Novembro, 2024
- Tea Talk, un sorbo de Asia no corazón da cidade - 7 Novembro, 2024
- Compass, unha experiencia musical de Bach ao jazz máis actual - 5 Novembro, 2024