REVISTA ABRIL

Programación do Entroido 2023 en Vigo

Os concertos de Tanxugueiras e Xisco Feijoo comparten programación de Entroido coas tradicionais comparsas e concursos de disfraces, ademais de actividades para a cativada e pasacalles diario polo centro da cidade. O centro neurálxico das celebracións será a porta do Sol.

Sepelio do Meco en 2020 | Pablo Vázquez

As actividades de Entroido comezarán o venres 17 de febreiro ás 18:30h cun pasacalles pola rúa do Príncipe, que tamén percorrerá a porta do Sol e a rúa de Policarpo Sanz e a entronizació do Meco ás 20:00h, momento no que se descubrirá a temática deste ano. Ás 20:30h o trío de partereteiras e cantantes Tanxugueiras subirase ao escenario levantado na porta do Sol para protagonizar o concerto máis esperado deste Entroido.

O sábado 18 volverá a animación de rúa ao centro da cidade cun pasacalles de 17:00h a 19:00h pola rúa do Príncipe. Outro dos momentos máis significativos das festas, o desfile de comparsas e carrozas chegará pouco despois. O desfile sairá do cruce de García Barbón con Isaac Peral ás 18:00h e percorrererá García Barbón e Policarpo Sanz ata chegar á porta do Sol. A partir das 22:00h Xisco Feijóo actuará no escenario da porta do Sol. O cantante, percusionista e membro da orquestra Son de Seu é coñecido polas súas composicións tradicionais cun toque actual e polo seu traballo en prol da conservación e a visibilidade da música galega.

O domingo 19 a San Silvestre volverá ás rúas de Vigo ás 11:00h. A tradicional carreira do 31 de decembro tivo que suspenderse polo mal tempo. A proba mantén o trazado previsto naquel momento, con saída e meta na confluencia de Elduayen coa Porta do Sol e ten a inscrición aberta ata o 17 de febreiro. Neste artigo hai máis detalles e link ao portal de inscricións. Logo da carreira haberá unha chocolatada de balde.

Os nenos serán os protagonistas da tarde do domingo. A partir das 17:00h na porta do Sol haberá chocolate quente, así como obradoiros para crear calcomanías , sombreiros de arlequín e eirugas. Ademais, a partir das 18:00h, o Mago Marco deixará á cativada abraida co seus mellores trucos de maxia. Tamén ás 17:00h volverá a haber animación e pasacalles na rúa do Principe. O mesmo programa infantil, a excepción da actuación do Mago Marco, repetirase durante a tarde do luns 20.

REVISTA ABRIL

O martes 21terá lugar o concurso de disfraces na porta do Sol a partir das 17:30h, e contará coas seguintes categorías: individual infantil, grupo infantil conxuntado, individual xeral e grupo xeral conxuntado. Para todas elas considérase infantil ata os 14 anos. Entregaranse tres premios en cada categoría, que van desde os 50 ata os 200€. A inscrición para o concurso deberá realizarse acundindo á porta do Sol desde unha hora antes do inicio da categoría. As bases completas poden atoparse na páxina web do Concello. Os gañadores do concurso coñeceranse o mércores 23 ás 19:30h, xunto aos vendecores das comparsas.

A xornada do martes proseguirá cun pasacalles pola rúa do Príncipe de 17:00 a 19:00h ao que se unirá o grupo infantil Os repoludos do Entroido; seguido do concerto da Orquestra La Travesía ás 20:00h e a queima do Meco ás 20:45h na porta do Sol.

Na última xornada do Entroido, a do mércores 22, o acto central é a comitiva coñecida como Enterro da sardiña. As exequias funerarias comezarán ás 18:00h na porta do Sol e a comitiva fúnebre e satírica partirá ás 18:30h, para percorrer a rúa do Príncipe, Urzaiz e Policarpo Sanz.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.