CAMELIAS MASCOTAS

Deilán Praia: música na ribeira

Ao outro lado da ponte de Rande, en Santa Cristina de Cobres, atopamos Deilán Praia, un chiringuito que é moito máis ca un chiringuito. A principal culpable disto é Elena Rodríguez, quen o rexenta desde hai tres anos con moito traballo e bo humor. Aproveitando que esta fin de semana temos os concertos de Unha volta polo medio (xoves), Manu Díaz Trío (venres) e Ordet (sábado), falamos con ela para coñecer un pouco máis a fondo este paraíso da música a pé de ría.

Por se non fora suficiente rexentar un chiringuito en verán, desde o ano pasado Elena tamén leva as rendas doutro máis na praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas. Semella que tenun imán para os lugares fermosos, pois ambos son ideais para ir pasar a mañá, a tarde, o serán ou o que falla falta cunha cervexa ben fresquiña na man.

Centrándonos no situado en Vilaboa, a Deilán Praia bastáronlle tres anos para convertirse nun dos chiringuitos de referencia da contorna. Ademais da súa situación privilexiada, o gran motivo deste éxito é a súa coidada programación musical: “O sector musical teno aínda máis difícil do que o tiña antes da pandemia, polo que na medida do posible intentamos ser un apoio”, apunta Elena. Fai fincapé, e con moita razón, na cantidade e na calidade das bandas da zona: “Podería pasarme o resto da miña vida só escoitando bandas da Ría de Vigo”, afirma con contundencia.

O ano pasado o público respondeu á súa proposta pesar da situación, polo que este ano programaron case unha trintena de artistas galegos. Non só os espectadores pasan un rato agradable, tamén os músicos, pois estes meses recibiu decenas de mensaxes de bandas que querían tocar alí este verán: “Foi moi difícil para min deixar fóra a algunhas bandas, pois xa tiña a axenda completa”. Pedímoslle que nos recomende a algún artista, e aínda que lle custa, destaca ás viguesas High Paw e Cintaadhesiva (Silvia Penas), o pianista ourensán Velpister e os bueuenses Enxeito.

REVISTA NOVEMBRO

Malia que as bandas que van actuar neste estío xa se coñecen, as datas vanse confirmando semana a semana, pois a climatoloxía xoga un papel capital á hora de realizar, ou non, estas actuacións. Outro dos atractivos para este ano é a mellora da oferta gastronómica da man de Cociña Enxebre, o proxecto culinario do chef vigués Trigo. Así, ademais de algunhas tapas e bocadillos, os clientes poderán gozar de alta cociña á vez que desfrutan do concerto nuns espazo que rebosa tranquilidade. Apetece ou non apetece?

Próximos eventos:

15xul21:00Foliada "Unha volta polo medio"CONCERTOS| De balde21:00(GMT+02:00) Deilán praia

16xul21:00Manu Díaz TríoCONCERTOS| De balde21:00(GMT+02:00) Deilán praia

17xul21:00OrdetCONCERTOS| De balde21:00(GMT+02:00) Deilán praia

18xul21:00Martin Rigz Trío + jam sessionCONCERTOS | De balde21:00(GMT+02:00) Deilán praia

01ago21:00Yago Vázquez Trío + Jam SessionCONCERTOS | De balde21:00(GMT+02:00) Deilán praia

08ago21:00Su Garrido PomboCONCERTOS | De balde21:00(GMT+02:00) Deilán praia

Deilán Praia
Rua Barciela, 95 (Santa Cristina de Cobres, Vilaboa)
Facebook: Deilán Praia ; Instagram: @deilanpraia
Contacto: deilanpraia@gmail.com

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.