Deilán Praia, cultura a pé de ría
O chiringuito de Vilaboa, Deilán Praia, é un oasis para o desfrute da ría con pausa e para gozar de propostas musicais de proximidade.

Elena Rodríguez dedica os veráns a poñer cor e música á tranquila parroquia de Santa Cristina de Cobres, no Concello de Vilaboa. Alí rexenta desde hai cinco anos Deilán Praia, un inusual chiringuito no que a programación cultural é tan importante como o desfrute da contorna natural.
Durante este lustro de historia, Deilán programou un cento de concertos. O cartel non está feito para contentar masas, pois a hostaleira valora as propostas valentes e orixinais, que abren a mente dos clientes. Moitos dos grupos que programa son artistas da contorna e séntese afortunada de poder contribuír a poñer en valor o talento local. Os concertos xa están todos anunciados nas redes, pero sen datas, pois estas confírmanse cada semana en función da meteoroloxía. Conta que recibe moitas máis propostas das que pode programar e entre as propostas escollidas para esta temporada atopamos a Alfeizar, Ari Magritte, Cintaadhesiva ou Tonhito de Poi.




A música é o que máis público atrae, pero non o único que se programa neste chiringuito cultural. Elena, viaxeira a metade do ano que non está en Deilán, é consciente da fortuna de nacer nesta parte do mundo e involúcrase en facer visibles causas de preto e de lonxe. O ano pasado organizou un evento de astrofísica que recadou diñeiro para que unha moza de 17 anos viaxase de Afganistán canda a súa familia para formarse neste eido. Conseguiron os cartos necesarios para que chegasen en outubro a Galicia. Este ano programa tres xornadas en colaboración coa Asociación de Mulleres de Vilaboa, nas que falar de gordofobia, saúde sexual e transexualidade. Tamén programa dous recitais de poesía e un espectáculo infantil de monicreques.
Se non hai concerto tamén paga a pena achegarse ata aquí , pois a súa singularidade comeza na ubicación. Deilán non está situado perante unha praia concorrida. Isto, que podería parecer unha desvantaxe neste tipo de negocio, convértese na marabillosa oportunidade de desfrutar da beleza da ría, dunha zona rural moi próxima a Vigo onde podemos mollarnos no mar sen aglomeracións, antes de comer un anaco de empanada, ou algunhas das preparacións sinxelas que ten dispoñibles Elena.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- MAPIS celebra os maiores descotos do ano en artículos para bebé - 3 Outubro, 2023
- A Movida crea o cartel adaptado ás costas de Vigo para celebrar o seu quinto aniversario - 2 Outubro, 2023
- Sete actividades que non podes perder no Galician Freaky Film Festival - 20 Setembro, 2023
- O Festival Revoltallo celebra 30 anos cunha fin de semana de rock e actividades gratuítas - 11 Setembro, 2023
- La Urbana: a mellor carne do mundo entre dous pans - 11 Setembro, 2023