VIALIA
bannerPicnicSesions

Cociña enxebre, o servizo vigués de chef a domicilio

Unha xuntanza con amigos que non queren pasar tempo entre fogóns, familias desboradadas polo día a día, individuos con pouco tempo (e ganas) de poñerse a cociñar e moitos outros pretextos nos que só queremos sentarnos á mesa e desfrutar dun menú á altura da circunstancia son momentos idóneos para contar cun chef a domicilio. Trigo, un cociñeiro vigués con experiencia en alta cociña, acaba de lanzar Cociña Enxebre, un proxecto de cociñeiro ‘para levar’.

Trigo (apodo que precede á profesión) acaba de abrir o seu negocio de chef a domicilio: Cociña enxebre. Un servizo 100% feito a man e 100% feito na casa. Na túa ou na de quen queira desfrutar dun menú a medida sen preocuparse polo proceso nin saír do fogar, pois este cociñeiro non só pica, saltea e estofa unha ampla variedade de delicias, senón que se ocupa tamén dos procesos menos divertidos, como facer a compra e deixalo todo impecable despois do banquete.

A historia de Trigo percorre lugares coñecidos para moitas persoas da súa xeración: as cociñas de Madrid e Londres, cidade na que estivo traballando durante oito anos. Ante a imposibilidade de buscar traballo na hostalería os pasados meses, Trigo comezou a cociñar na súa casa e fotografiar os seus pratos. “Aí dinme conta de que tiña o produto e que só me faltaba vendelo”, explica o creador de Cociña Enxebre, que xa levaba tempo pensando nesta particular modalidade de comida a domicilio, procurando un novo xeito de entender a relación entre cociñeiro e comensal, afastada do modelo das cociñas dos grandes restaurantes, nos que ten experiencia.

“Motívame principalmente o contacto co cliente, algo imposible na hostalería cando eres cociñeiro. Tamén o feito de elaborar un menú distinto para cada ocasión resúltame interesante”. Isto permítelle ofrecer un servizo completamente personalizado e exclusivo. As persoas que desexen contratar os servizos de Cociña Enxebre poden poñerse en contacto co cociñeiro e explicarlle as súas necesidades. O chef ofrecerá unha proposta de pratos que o cliente poderá modificar ao seu gusto ata chegar a un acordo. Sen ánimo de facerlle ruxir as tripas a ningún lector, esta é a proposta que Trigo nos fixo para unha comida informal con amigos no verán:

Entrantes

REVISTA ABRIL
  • Tosta de mozarella cítrica
  • Tosta de lacón e queixo afumado
  • Salpicón de polbo

Primeiro

  • Brocheta de rape e gambóns

Segundo

  • Fideuâ de froitos da ría

Sobremesa

  • Crema condensada
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.