Chegan a Vigo as ceas secretas con Estrella Michelín
Unha localización secreta e inusual e un chef con Estrella Michelín aos fogóns son os ingredientes do éxito das ceas clandestinas que propón Graciela Castro desde a súa empresa de eventos ONyVÁ! en colaboración con Cervezas Alhambra. A iniciativa comezou en 2017 e chega por primeira vez a Vigo o vindeiro 19 de agosto.
“Á xente gústanlle as sorpresas”, conta Graciela, que antes de cada cea recibe un feixe de preguntas indiscretas de asistentes nerviosos por coñecer os detalles da velada. A organizadora non solta prenda, tampouco aos medios. A gracia do asunto está en que tanto o nome do reputado cociñeiro como a localización permanezan ignotas ata que un reducido grupo de comensais senten á mesa.
Da localización sabemos que será inusual e orixinal; un lugar no que normalmente non podemos comer de prato. A sala de máquinas da Chocolatería Raposo, unha antiga tenda de disfraces de Pontevedra, a praia do Grove ou o club de corredores vintage Miler son algunhas das singulares localizacións onde xa se realizaron Cenas Secretas. Ademais de comer, a experiencia acompáñase frecuentemente doutras sorpresas, como música en directo, ambientación ou unha festa de disfraces. Graciela teima en que cada cea sexa un evento irrepetible, con elementos únicos.
Xa co pano colgado do colo da camisa, aparecerá a minuta sobre a mesa e os asistentes descubrirán á persoa tras os fogóns esa noite. Sen saber o nome, sabemos que o menú pagará a pena, pois estará elaborado polo chef dun restaurante con Estrela Michelín. A premisa é comer sen présa, desfrutando cos cinco sentidos dos sabores, a compaña, a ambientación e a presenza do cociñeiro.
A última experiencia, na Ribeira Sacra o pasado mes, tivo lugar nun pantalán enfeitado para a ocasión,no que a mesa estaba rodeada de auga e bosque. Por diante dos 24 comensais desfilaron pratos elaborado polo propietario e chef do restaurante Maruja Limón, Rafa Centeno. En total foron un aperitivo, catro pratos principais e tres sobremesas, todos eles elaborados con materia prima de produtores galegos de primeiro nivel. A tenreira ecolóxica de Tralo Agro, o porco celta de Tres Fuciños, o bonito de Fresco y del Mar, os queixos e manteigas de Airas Moniz, o xeado artesán de La Central Heladera, os tomates do Verxel Galego ou as galletas salgadas Mariñeiras. A bodega estivo formada por catro referencias de cervexas Alhambra, colaboradores co evento, e auga.
As Cenas Secretas chegan a Vigo o vindeiro sábado 19 de agosto e teñen xa as prazas esgotadas. Tampouco hai sitio na mesa das experiencias de Pontevedra (14 de outubro) e A Coruña (11 de novembro). Queda por anunciar a data da cea na provincia de Ourense, que se coñecerá a través das redes sociais do evento. O prezo é de 65 € por persoa; o onde, que e como será un misterio ata o propio día.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024
- Monkey Park, diversión salvaxe en Portugal - 12 Novembro, 2024
- Tea Talk, un sorbo de Asia no corazón da cidade - 7 Novembro, 2024