REVISTA MAIO

ONyVÁ!, exclusivas ceas secretas

ONyVÁ!, a axencia de márketing capitaneada por Graciela Castro, é coñecida pola orixinalidade das súas propostas, como os mercados de artesanía que organiza ou as exitosas ceas secretas que celebra en diferentes puntos de Galicia.

Hai máis dunha década que Graciela Castro tiña en mente crear unha marca persoal onde facer voar a súa creatividade, o que deu pé ao nacemento de ONyVÁ! Ademais de realizar accións de markéting e levar a comunicación de diversas empresas, esta axencia é coñecida pola orixinalidade das propostas como por exemplo os mercados de artesanía que organiza. Este verán xa hai algúns confirmados en Portosín e en Rianxo, por exemplo.

Pero se algo que destaca sobre o resto da oferta, son as ceas secretas; eventos gastronómicos exclusivos, de capacidade reducida, cun chef vangardista aos fogóns, que se celebran en localizacións moi singulares: o buque Hidria atracado no porto de Vigo, a igrexa da Madalena en Ribadavia un invernadoiro de Viveiro ou un peirao da Ribeira Sacra foron algúns dos espazos escollidos en pasadas ocasións.

Cena Secreta na Ribeira Sacra | Aigi Boga

Esta iniciativa debutou en 2017 e cada ano gaña máis adeptos, como demostran os centos de persoas apuntadas na lista de espera. O ano pasado esgotáronse en minutos as máis de duascentas prazas dispoñibles para as cinco ceas organizadas. Esta semana esgotáronse en tres minutos as entradas para a cea na provincia de Pontevedra.

Pero aínda hai opcións de acudir a algunha das tres ceas que se celebrarán proximamente. Para este verán programáronse catro veladas, unha por provincia, onde poder desfrutar dun ambiente especial e íntimo onde poder gozar da comida, da compañía e dunha ampla selección de cervexas Alhambra, o patrocinador principal do evento. «A incerteza é o piar principal desta experiencia sensorial», resume Graciela, que está encantada pola confianza da xente na súa tan orixinal proposta.

Cena Secreta na Ribeira Sacra | Aigi Boga

olaonyva.com | onyva@olaonyva.com | 680 22 34 57 | @ola_onyva | @cenasecretas

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.