CAMELIAS MASCOTAS

Casco vello, Casco novo

Tal e como dixo Italo Calvino: A cidade non conta o seu pasado, o contén como as liñas dunha man. Se tal e como indica esta cita, cada elemento da cidade sirve para contar a historia, o Casco Vello é, sen dúbida, peza clave para entender Vigo. É unha das áreas máis importantes da nosa memoria colectiva; noso pasado e noso presente camiñando xuntos. O barrio Vello é para a cidade olívica como a alma para a Humanidade, como as ás para un paxaro ou como os beizos para os namorados.

O Casco Vello converteuse en cinzas para volver convertido en Ave Fénix, mudou de larva a bolboreta. Agora o latexo empedrado de Vigo volveu a voar.

Tódolos vigueses percorremos algunha vez as súas estreitas rúas; feitas de pedra e historia, de vetustos muros, con arume húmido á mar de Vigo. Como non imaxinar as historias acontecidas outrora, no que agora son, aínda nalgunhas partes, ruínas e esquecemento.

Tódalas persoas teñen algún recordo especial da infancia, unha imaxe que lle fai sentir feliz e que lle fai esbozar un sorriso. Meu recordo máis especial ten vinte anos e son os paseos sabatinos polo Casco Vello. Cando era pequena miña nai máis eu tiñamos unha tradición: percorrer o barrio e almorzar os churros na Taza de Oro. Daquela o barrio non tiña moi boa fama, considerábase un lugar perigoso, non moi pulcro e frecuentado, as veces, por xente non moi apta, non era quizais o destino máis recomendable. Mais era tan fermoso, con aquela beleza rara, a pedra fusca, os magníficos soportais desgastados, as vistas ó mar: umbro e luminoso, inhóspito e rutilante, enlutado e espléndido. Sol e Sombra. Cada fin de semana, volvíamos ó noso lugar máxico.

Aínda nese estado de abandono, tiña un grande poder de atracción. Anos despois, cada vez que volvía sentíame como nunha novela de Baudelaire, como se vivise a finais do S. XIX, no París Bohemio. Era ir alí é sentía o desexo irrefreable de ser poetisa, pintora ou artista. Si, é verdade, tiña moita imaxinación. Ó irme de alí deixaba de ser Madame Bovary para ser simplemente eu. Depositaba unha parte de min no Casco vello cada sábado e volvía a unha vida metropolitana anódina, sen soños de arume cultural.

REVISTA NOVEMBRO

Grazas ós esforzos da Xunta de Galiza, do Concello de Vigo e do Consorcio, tódolos galegos recuperamos parte da nosa historia coa rehabilitación que se fixo nesta parte da cidade.

O cambio producido no Casco Vello nos últimos anos é unha das melloras máis importantes acontecidas en Vigo. É un enclave estratéxico fundamental na chegada a urbe polo mar; o aspecto aquí si é importante. Pasou de ser unha área decadente a converterse no máis fermoso de Vigo. Os turistas chegan ó corazón vigués e agora perciben o cariño ó antigo, o respecto e o gusto co que se repararon os edificios. Por un momento viaxan a outro tempo, imbúense ó noso pasado mariñeiro. De liñas depuradas, o Novo Vello ten unha importancia histórica e arquitectónica grandísima. Non é posible entender Vigo sen o Casco Vello ou o Casco Vello sen Vigo. Agora é unha zona limpa, segura, vixiada e aínda que queda moito por facer, algo está movéndose no barrio antigo.

Edificios enteiros que mudaron de vello a novo, rúas limpas, ben arranxadiñas, a historia elevada a máxima potencia. Novos comercios, locais de lecer de calidade, xente nova e turistas escudriñando cada recuncho do noso amado barrio, en fin, vida.

The following two tabs change content below.

Erín López

Nada en Madrid e criada na cidade de Vigo, é Licenciada en Filoloxia pola Universidade de Vigo. Devoradora de libros, amante da poesía e especialista en literatura feminina. Completou os seus estudos con diversas viaxes e estadíos en diferentes cidades de España e Europa.