REVISTA ABRIL

A importancia do Pergamiño Vindel para Galicia e o galego

Non é posible estudar o Pergamiño Vindel sen falar de Galicia ou entender Galicia sen este documento. Esta xoia pertence ao período cultural máis esplendoroso da nosa terra.

Cartel da exposición do Museo do Mar.

Galicia é un dos reinos máis antigos de Europa, conquistada por numerosos pobos, como os celtas, os romanos ou os suevos, todos eles deixan a súa influenza, tanto na lingua como na sociedade. Parte da súa riqueza estriba nesta simbiose de culturas. Ademais da multiculturalidade, existe outro factor fundamental en Galicia, que inflúe directamente na súa literatura, e é a súa profusión natural: a fertilidade das terras, bañadas polo mar e a choiva, a abundante fauna e flora e a súa localización estratéxica. Todos estes factores conforman o que somos, o que fomos.

Un dos fitos máis importantes na historia de Galicia, e determinante no seu futuro poético e vital, foi o descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago no ano 813. Este achado supuxo o inicio da peregrinación a Santiago o que permitiu abrir Galicia a Europa. O fluxo de peregrinos conectou a súa cultura coas doutros pobos conformando, así, unha particular identidade cultural, cuxo maior exemplo son as cantigas recollidas neste documento.

O Pergamiño Vindel foi escrito, debido ás continuas referencias no texto, probablemente, na cidade de Vigo. A cidade olívica era, daquela, a vila máis poboada, crecía a pasos axigantados, aberta ao mar e cunha localización clave. Eran anos de paz e de certa riqueza. Este clímax propiciou a aparición dun xénero literario propio que, aínda que con certas reminiscencias ás jarchas mozárabes e á literatura occitana, preséntase como un xénero totalmente orixinal e, ademais, escrito na lingua vernácula.

Na Idade Media a corte real gozaba da música, da danza e da poesía, os trobadores compuñan os textos e máis tarde os xograres os cantaban e musicaban. Era o contexto perfecto para facer arte. Os mesmos reis gozaban da cultura e o galego era a lingua idolatrada.

REVISTA ABRIL

Nos textos medievais Galicia é nomeada en innumerables ocasións, outorgándolle unha gran relevancia. O Galego-Portugués era un referente, o idioma de moda, usado polos poetas e os reis da época, imitado máis aló das súas fronteiras. O galego era a lingua cortesán do reino de Gallaecia pero tamén a de Castilla; a máis falada no S.X. Ambas linguas se disputaban a hexemonía da época. Non obstante, este pasado glorioso foi sistematicamente destruído e ocultado nos seguintes séculos. Galicia pasou de ser un reino hexemónico a unha figura subsidiaria do reino de Castilla.

As cantigas de Martín Codax son o único texto supervivente deste pasado glorioso. Tan antigas pero con sentimentos tan modernos, cheas de riqueza, espiritualidade e misticismo, como a nosa terra galega.

Moitos centos de anos despois, o pergamiño regresa a casa temporalmente. Comprado nos anos setenta pola Morgan library de Nueva York, está alí dende aquela. Grazas á asociación cultural Pertenza e á Universidade de Vigo, temos a sorte de poder gozalo gratuitamente no Museo de Mar de Vigo, ata o vindeiro 4 de Marzo. Este acontecemento é una cita obrigada na oferta cultural viguesa e permite achegarse ao texto de maior relevancia en galego.

The following two tabs change content below.

Erín López

Nada en Madrid e criada na cidade de Vigo, é Licenciada en Filoloxia pola Universidade de Vigo. Devoradora de libros, amante da poesía e especialista en literatura feminina. Completou os seus estudos con diversas viaxes e estadíos en diferentes cidades de España e Europa.