REVISTA ABRIL

Verne con V de Vigo

Para conmemorar o 140 aniversario da primeira visita do dramaturgo francés Jules Verne a Vigo, celebrouse na cidade o encontro Internacional De Verne a Vigo. Neste evento participaron expertos no autor francés de todo o mundo, entre eles o maior coleccionista do mundo de Jules Verne; o italiano Piero Gondola della Riva.

Escultura en bronce de Julio Verne feita polo artista vigués José Molares. | Tamara Novoa

Della Riva comeza a coleccionar obxectos de Verne con tan só trece anos, o que era inicialmente un interese infantil, convértese na súa profesión. Como el mesmo comenta, os novos descubrimentos realizados sobre Verne nos últimos anos, posibilitáronse grazas ós documentos que atopou na Biblioteca dos herdeiros de Verne. Nestes textos, escritos do seu puño e letra, cartas escritas co seu editor, fala da cidade de Vigo e das visitas que fixo a nosa cidade. O italiano compra estes textos e posteriormente os incorpora a súa colección privada.
Jules Verne e o seu editor Pierre-Jules Hetzel mantiveron unha extensa correspondencia, pero durante anos só se tiña constancia das cartas escritas polo editor. Como comenta o coleccionista italiano, o interesante do tema era ter as cartas enviadas entre ambos e non só as de un deles. Isto foi posible grazas a unha máquina chamada Copillet, que contiña as copias das cartas, descubertas polo propio Della Riva. Máis de cinco volumes de correspondencia que nos achegan aínda máis ó autor e as súas viaxes, moitas veces fonte de inspiración literaria.
Jules Verne é xunto con Willian Shakespeare o autor máis traducido do mundo, tamén chamado “pai da ciencia”, foi un visionario e un autor moi prolífico, amante da literatura, das viaxes e dos exploradores do mundo. Impregnou a súa obra coas súas paixóns, chegando a abarcar tódolos xéneros literarios, dende a poesía ata o teatro, pasando polos libretos operísticos ou as historias curtas.
Apaixonado da navegación, viaxaba frecuentemente no seu barco a procura de novos destinos que coñecer. É na súa travesía camiño a Tánxer cando para en Vigo por primeira vez, no ano 1878. Tempo despois, no 1884 regresa a cidade olívica. Grazas ós seus cadernos de viaxe sabemos o que fixo e cales foron as súas impresións sobre a cidade. Seis páxinas de apuntes sintéticos onde conta o que aquí fixo. Visitou o xa pechado Café Suízo e ceou, xunto coa súa familia, con cónsul francés. Foi aquí onde reparou seu barco, chegando a permanecer varios días. Non obstante, a súa relación coa cidade comeza no ano 1869, antes incluso de visitala cando aparece na famosa obra “Veinte mil leguas de viaxe submarina”, no xa famoso episodio da Batalla de Rande.
Verne era amante das viaxes pero escribiu sobre máis cidades das que coñeceu. En realidade, moitas veces, como no caso de Vigo, escribiu sobre elas antes para visitalas despois. De marcado carácter didáctico, a finalidade principal da súa obra era entreter e instruír a través da xeografía.
Non existe constancia de que Verne visitara máis cidades españolas, agás Cádiz. Podería pensarse unicamente que Vigo foi afortunada por contar coa visita do autor, máis en realidade ambos gañaron; cidade e dramaturgo, xa que foi aquí onde reparou o seu barco cun caldereiro local, grazas ó que puido continuar coa súa travesía. De novo Vigo na palestra pola súa excelente localización e o seu perfil marítimo e portuario. En 1884 regresa de novo a cidade á que describe como fermosa e de boa xente (“xa falarei con vostedes dos lugares que visitamos; todo é fermoso, nos acolleron moi ben por tódalas partes”).
Sendo Verne un dos autores máis famosos do mundo, con máis de trescentos filmes sacados da súa obra, inspiración de outros escritores, directores e artistas. Cunha obra literaria traducida en máis de cen linguas e visitante de moitos países e cidades, Vigo é a única cidade do mundo que lle dedica dous monumentos. Nin tan sequera a súa cidade natal, Nantes ou a capital francesa, París, fanlle un tributo de tal magnitude, sinal do profundo cariño da cidade o autor franco.

The following two tabs change content below.

Erín López

Nada en Madrid e criada na cidade de Vigo, é Licenciada en Filoloxia pola Universidade de Vigo. Devoradora de libros, amante da poesía e especialista en literatura feminina. Completou os seus estudos con diversas viaxes e estadíos en diferentes cidades de España e Europa.