REVISTA ABRIL

‘Cantares Gallegos’: a historia tralo libro

O Día das Letras Galegas celébrase o 17 de maio para conmemorar a data na que se publicou a obra de Rosalía de Castro ‘Cantares Gallegos’. Aínda que o dato parece non ser totalmente exacto, xa que o libro foi impreso algo máis tarde, non cabe dúbida de que ‘Cantares’ tivo unha importancia histórica no porvir da literatura galega e Vigo xogou un papel clave.

Aínda que nesta fachada da rúa Real hai unha placa que di que aquí foi impreso ‘Cantares Gallegos’ o 17 de Maio de 1863. Ambos datos son erróneos pois foi publicado máis tarde e imprenta de Compañel estaba uns edificios máis abaixo.

Este ano cúmprense 155 anos da publicación do poemario ‘Cantares Gallegos’, escrito por Rosalía de Castro. Obra clave da Literatura Galega, marca o comezo dunha etapa luminaria para a nosa cultura, o ben chamado Rexurdimento, por este motivo ao longo do ano, estanse a celebrar distintos eventos culturais, tales como coloquios, conferencias, cafés literarios, andainas e un longo etcétera para conmemorar este feito.
‘Cantares Gallegos’ é unha obra crucial da literatura e non é posible falar dela sen afondar na figura de Rosalía ou sen nomear o xestor da publicación e marido da escritora, Manuel Murguía. Tampouco e posible desvinculala do seu período histórico ou do que a súa publicación supuxo para o rumbo da nosa historia galega. Quen non aprendeu de cativo!: “Cantarte hei Galicia, na lingua galega, consolo dos males, alivio das penas”. Máis, que sabemos do seu impresor?, coñecemos a historia tralo libro?, que sabemos das dificultades da época para imprimir e publicar unha obra?, Quen era Juan Compañel e que importancia ten no devandito acontecemento?

Juan Compañel, natural de Compostela, nace no ano 1829. Fillo de impresor, queda orfo de pai aos tres anos. A partires desa perda, é a nai a que toma as rendas do negocio familiar. Jacoba Rivas é unha muller empoderada, nai e pai, rexenta a imprenta compostelá. Jacoba imprime A Revolución, revista de referencia de intencionalidade galeguista e de sentir provincionalista. Nesta denunciábase o maltrato que estaba a sufrir Galicia nese momento. Son as primeiras voces do rexurdir galaico.

A primeira metade do S.XIX foi moi convulso; as revoltas sucedíanse e a sangue tinguía as rúas. Esta situación de violencia e inseguridade marcou irremediablemente a esta xeración e, en concreto, a Juan Compañel e ao resto dos seus compañeiros, conformando neles unha profunda identidade galeguista e humana.

Nesta situación de inseguridade e destrución sucedéronse as migracións a outros puntos do país. O propio Compañel marcha a Madrid, pechando o seu negocio familiar.
É curioso máis, ás veces, as decisións que tomamos en certo momento da nosa vida poden cambiar irremediablemente o noso futuro persoal, máis en poucas ocasións esas decisións poden modificar e conformar a historia dun pobo. Compañel coñece a Eduardo Chao en Madrid, esta amizade é a semente dunha árbore que brotaría o 17 de Maio de 1863, na imprenta que ambos rexentarían na cidade de Vigo.

Eduardo Chao, natural de Ribadavia e veciño vigués, é un dos principais dirixentes políticos da vertente galeguista máis radicalizada. Catedrático, farmacéutico, editor e director editorial. Xuntos forman un tándem histórico na cultura galega.

Juan Compañel retoma a súa profesión familiar en Madrid publicando en 1855 os discursos dos profesores universitarios galegos na capital. Ademais, foi o responsable de imprimir o primeiro xornal de corte marxista da época El eco de la clase obrera. Xerme das posteriores melloras laborais, recóllense nel reivindicacións como a libre asociación e a famosa cita pan e traballo, que conformaría nos traballadores unha nova mentalidade de loita, exisindo melloras laborais nun sector tan castigado e escravizado.

REVISTA ABRIL

Na mesma época, dous xornais demandaban melloras na sociedade e no traballo. Por un lado La Oliva, en torno ao que xiraban Chao e Compañel e, dende un punto de vista máis conservador, Faro de Vigo, do que Manuel Murguía era director literario.

Vigo é clave neste contexto debido a súa natureza industrial e obreira. A cidade pasou de non ter asociacións ou imprentas a, en cincuenta anos, ter círculo recreativo obreiro, dúas imprentas e dous xornais, cada un deles de ideoloxías distintas. Este feito, impensable noutras cidades é sinal da mentalidade aperturista da cidade, do seu dinamismo e da súa tolerancia. O máis grande marcador de modernidade, nunha época tan convulsa e interesante ao mesmo tempo.

Compañel tiña a súa imprenta na Rúa Real e en torno a el xiraban tódolos intelectuais progresistas da época: os irmáns Alejandro e Eduardo Chao, Manuel Murguía e Rosalía de Castro. Neste contexto publícase ‘Cantares Gallegos’. Loxicamente nese momento non se podía vaticinar a importancia que o poemario ía ter, así que Compañel e Chao apostaron por dita obra. A primeira edición con 160 exemplares prodúcese coa axuda de ambos, cubrindo os elevados custos de imprimila e contribuíndo sen sabelo a cambiar a cultura galega.
‘Cantares Gallegos’ non o tiña nada fácil: escrito por unha muller en lingua galega. Poemas compostos dende unha óptica popular e romántica, con claras alusións galeguistas e patrióticas. Era un proxecto de risco, pero levouse a cabo con doses extra de cabeza e corazón.

The following two tabs change content below.

Erín López

Nada en Madrid e criada na cidade de Vigo, é Licenciada en Filoloxia pola Universidade de Vigo. Devoradora de libros, amante da poesía e especialista en literatura feminina. Completou os seus estudos con diversas viaxes e estadíos en diferentes cidades de España e Europa.