REVISTA ABRIL

Nace Vigo Crea, o proxecto que pretende revitalizar o Casco Vello

A Xunta de Galicia presentou está mañá Vigo Crea, un proxecto que busca converter o Casco Vello no “barrio creativo” por excelencia. Para iso, cederán de maneira gratuita 17 inmobles a proxectos relacionados coa cultura, a innovación ou o Turismo. Ademais, o Berbés acollerá unha nova sede do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Semella que algo grande vai pasar no Casco Vello de Vigo, especialmente na súa zona alta. Na actualidade, o Casco Vello Alto mostra unha cara moito máis amable que hai anos grazas á rehabilitación dalgúns dos seus edificios, mais segue a ser unha zona bastante infrautilizada. Con iso pretende rachar Vigo Crea, un novo proxecto impulsado pola Xunta que busca darlle unha nova vida a todos estes inmobles e a todas estas rúas.

REVISTA ABRIL

Esta ambiciosa iniciativa divídise basicamente en dúas partes: a zona alta e a baixa do Casco Histórico. Na primeira, destinaranse un total de 17 inmobles propiedade do Consorcio da seguinte maneira: 10 serán para a posta en marcha de proxectos novos no eido das industrias creativas; outros cinco estarán destinados ao eido turístico e, por último, dous dedicaranse a usos comúns, de formación e acompañamento co fin de favorecer o intercambio de ideas e proxectos.

En canto ao Casco Vello baixo, o barrio do Berbés acollerá unha sede do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), xusto ao lado do novo albergue para peregrinos e da nova sede da Universidade. Este espazo dun 400 metros cadrados contará cunha sala expositiva na que mostrar o traballo de artistas locais emerxentes e doutro tipo de exposicións temporais e unha sala de estudo e documentación.

Aseguran que os diferentes procesos administrativos e burocráticos xa están en marcha, polo que esperan que este verán esté aberto o concurso de proxectos de carácter público, no que as empresas interesadas podan presentar a súa iniciativa. Vigo Crea pretende dar un pulo á cultura e ao turismo a través deste proxecto innovador e, agardan, que referente no resto da península.