CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Lectura clave para rematar marzo: ‘Pioneiras galegas que abriron camiños’

As vacacións son un bo momento para dedicar tempo a lectura. Un libro imprescindible para rematar este mes de marzo, que estivo marcado polo Día da Muller, é o de ‘Pioneiras galegas que abriron camiños’, escrito por Anaír Rodríguez e ilustrado por Nuria Díaz.

A autora escribe esta obra cunha finalidade didáctica. Como ela mesma comenta, xurde debido a necesidade de crear máis referentes femininos, visibilizando esas grandes figuras das que non se fala por falta de coñecemento das mesmas. ‘Pioneiras’ é un libro fundamental para espallar a semente da igualdade. Foi publicado pola editorial Xerais a principios deste ano e en tan só un mes, xa se venderon máis de 2.500 exemplares.

Historicamente, agás excepcións, a figura feminina foi relegada a un segundo plano. É máis complicado nomear personaxes notables mulleres ca homes. Mais que non sexan coñecidas, non significa que non existan. Cantos escritores podemos nomear? e escritoras?, que pintores coñecemos? e pintoras?, de cantos inventores podemos falar? e inventoras?
As figuras escollidas preséntanse por orde cronolóxico e abarcan distintas profesións. A lista inclúe dende a primeira escritora da que se ten constancia á primeira futbolista española pasando por a primeira muller en abrir unha distribuidora de peixe, a primeira médica de España, a primeira condutora de camión e ata a primeira muller en casar con outra muller. Todas elas eran mulleres extraordinarias, cun carácter moi especial que non aceptaron os roles que a sociedade tiña preparados para elas.

CAMELIAS NADAL

Todas as mulleres que aparecen no libro son fascinantes, como Celia Rivas, natural de Fisterra. Rivas traballaba co seu pai na lonxa, pero o seu soño era abrir unha empresa propia. Naquela época, non era frecuente este tipo de iniciativas e ademais era necesario o permiso do pai ou do marido para emprender un negocio. Abriu xunto coas súas irmás a primeira distribuidora de peixe rexentada por mulleres. Celia foi tamén a primeira muller de España en sacar o carné de conducir camións, fronte a incredulidade dos examinadores. Para que hoxe en día as mulleres poidamos cumprir as nosas aspiracións profesionais, tivo que haber mulleres precursoras, revolucionarias e marabillosas.

Outro exemplo é o de Isabel Barreta, nacida en Pontevedra no s. XVI, personaxe clave na colonización das Illas Salomón. Era almiranta e tiña a máis de catrocentos homes baixo o seu mando. Mulleres guerreiras, mulleres valentes nunca nomeadas nos libros de historia e cuxas proezas se desvanecen no paso do tempo.

É debido a falta de coñecemento de referentes femininos notables polo que fai falla escribir máis libros coma este. É debido a destrución sistemática destes referentes en etapas anteriores polo que as novas xeracións debemos reescribir a historia. A educación e a concienciación son fundamentais para reparar esta situación de profunda desigualdade.

The following two tabs change content below.

Erín López

Nada en Madrid e criada na cidade de Vigo, é Licenciada en Filoloxia pola Universidade de Vigo. Devoradora de libros, amante da poesía e especialista en literatura feminina. Completou os seus estudos con diversas viaxes e estadíos en diferentes cidades de España e Europa.