Fai Rúa, a enciclopedia audiovisual do Casco Vello Alto
O Casco Vello Alto é un dos barrios máis coñecidos da cidade, pero canto sabemos realmente sobre el? Ese é o obxectivo de Fai Rúa, un proxecto sen ánimo de lucro que documenta a través de pequenos vídeos a historia e a vida actual do barrio. A semana pasada presentaron a segunda entrega deste web doc cunha ampla remesa de vídeos que agranda aínda máis este mapa de coñecemento popular que están a formar. Falamos con Ramón Viéitez, encargado das labores de produción e documentación e membro da Asociación Cultural Barrio Alto. Podes acceder á web de Fai Rúa premendo nesta ligazón.
Como e cando nace este proxecto?
Este proxecto naceu hai cinco anos nunha xuntanza da Xunta directiva da Asociación, percatámonos de que a pesares da popularidade do noso barrio non había un coñecemento preciso sobre el. Foron moitas as opinións e as “etiquetas” que se lle puxeron, desde as máis antigas “barrio chino” ata as actuais “barrio hipster”, pero nunca se escoitara a súa voz, sempre eran opinións de xente de fóra. O obxectivo deste proxecto é por tanto escoitar a voz do barrio.
Que buscades con este proxecto e coa Asociación Cultural Barrio Alto?
Coa Asociación buscamos un obxectivo social, non temos ánimo de lucro, queremos facer cultura de barrio. As administracións que rehabilitaron os edificios comportáronse como inmobiliarias e obviaron á comunidade, especialmente á que xa vivía aquí. Ser un barrio máis unido fainos máis fortes e para iso precisamos coñercernos mellor, o proxecto “Fai Rúa” busca ese coñecemento mutuo.
Cantos vídeos forman esta segunda entrega do web doc e que temas nos imos encontrar neles?
Na segunda entrega temos 25 vídeos dos que xa están subidos entorno a 20. Como novidades temos novos vídeos de veciños con lembranzas tan entrañables como as de Cholo, que viviu en Subida ó Castelo e que rememora as batallas que facían de cativos no Baluarte de San Sebastián. Tamén hai novos vídeos de patrimonio como o Asilo ou o Paseo de Alfonso, pezas únicas na cidade, unha xa demolida e a outra en perigo pola construción do túnel da Porta do Sol. Por último tamén hai vídeos de novos comerciantes que se instalaron nesta zona.
Xa tedes pensados proxectos futuros para seguir aumentando esta rede de vídeos?
Agora mesmo o proxecto ten tanto éxito entre a veciñanza que xa son as veciñas e veciños as que acuden a nos con novas historias. A nosa limitación é económica xa que dependemos de conseguir cartos para seguir traballando nel.
Imaxino que ao longo deste proceso descubristes moitas cousas sobre o barrio e a súa historia. Cal foi a que máis vos sorprendeu?
Foi moi curioso descubrir que a vez que máis cartos deixou a lotería en Vigo foi no noso barrio, en concreto no Bar Bouzas da rúa Ferrerería. Revisamos a hemeroteca dos diarios locais e pareceunos moi curioso o enfoque das novas. A historia contounola Pepe Soto, fundador dos míticos bares “Lichoca”, “Calicho”, “Cholica” e “Cacholi”, que viviu a celebración que se fixo en tódolos bares do barrio.
As doazóns da xente son a vosa única vía de financiación?
As cuotas de asociados e o que vendemos nas barras dos eventos son a única fonte de financiación que temos nestres intres. Para a primeira parte do web doc conseguimos unha pequena subvención de emprego do Concello de Vigo.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024