As dez novas culturais con selo vigués máis relevantes do ano
Este ano deixounos moitas novas no ámbito cultural vigués, algunhas boas e outras xusto o contrario. Recompilamos dez como resumo deste 2022 tan movido.
DEIXOUNOS DOMINGO VILLAR
Comezamos pola nova máis triste do ano. O escritor vigués Domingo Villar, un dos máis salientables e vendidos da nosa literatura, falecía o 18 de maio aos 51 anos a causa dun infarto cerebral. Creador do inspector Leo Caldas, a súa perda supuxo unha conmoción no ámbito cultural galego e estatal. As mostras de agarimo, respecto e admiración sucedéronse ao longo das semanas en prensa, redes sociais e actos públicos. No 2021 publicara o seu último libro, Algúns contos completos. Na nosa revista de setembro de 2019 foi o noso Vigués do Mes.
VOLVEU A MÚSICA A BALAÍDOS…
Este ano volveron os concertos a Castrelos despois de dous anos de parón por mor da pandemia, pero tamén volveu a música a Balaídos 21 anos despois. Ata o pasado mes de setembro, o último artista en pisar o céspede do templo celtiña fora Alejandro Sanz en 2001. Agora ese título osténtano Killer Barbies, Years&Years e, sobre todo, o trío británico Muse, quen ofreceu un concerto cargado de decibelios, pirotecnia e atrezo futurista.
… E TAMÉN AO PEIRAO DE TRANSATLÁNTICOS
Outro espazo da cidade que volvía gozar de grandes baños de masas foi o peirao de transatlánticos coa celebración do Festival Latitudes en agosto, onde actuaron artistas da talla de Iggy Pop, Mando Diao, Two Door Cinema Club ou The Vaccines. Este evento vén a facer de sucesor do desaparecido Vigo Transforma, que celebrou nese emplazamento as súas dúas únicas edicións. Este verán tamén se celebraron nese mesmo espazo os concertos de C. Tangana e o Festival de Música Urbana que contou con Quevedo, Califato 3/4 e Sila Lua, entre outros. En calquera caso, non é certo que esta zona do porto non albergase concertos desde hai unha década, pois O Marisquiño colocou alí o escenario na súa edición do 2015.
DEBUTS E DESPEDIDAS EN CASTRELOS
Como mencionamos anteriormente, Castrelos viviu unha volta por todo o alto con 12 xornadas de música, algunhas delas cunha asistencia masiva por parte do público: Sebastián Yatra, Leiva, Sting, Dani Martín… Pero imos destacar outras dúas actuacións: a de Tanxugueiras, pois non se lembra outra ocasión na que un artista galego reunise a tanta xente no auditorio; e Joan Manuel Serrat, que vén de retirarse hai uns días e quixo facer unha parada en Vigo para decir adeus en persoa como mellor sabe, coa súa música.
MADRID SE ESCRIBE CON S DE SINIESTRO TOTAL
E seguindo coas despedidas, Siniestro Total anunciou este ano que deixaba os escenarios tras 40 anos de traxectoria. O venres 6 de maio, no WiZink Center madrileño, tería lugar ese adeus definitivo. Como a venda de entradas foi meteórica, ampliaron a partida ao sábado 7. Ese segundo día alí nos desplazamos a escoitar por última vez sobre as táboas a banda máis importante da historia de Vigo, que reuniu a Julián Hernández e Miguel Costas por primeira vez desde 1994. Case 25.000 persoas arrouparon aos olívicos ao longo da fin de semana nuns concertos que, admitámolo, aínda doe que non fosen na nosa terra galega.
ANO LAXEIRO
Malia que a sona mediática que ten é moito menor que a da súa irmá literaria, a Real Academia Galega de Belas Artes homenaxea cada ano un artista do país para recoñecer e poñer en valor a obra que asinou. Este recoñecemento foi a parar en 2022 a José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro. Malia non nacer en Vigo, aquí viviu na súa xuventude, aquí finou e aquí permanece a Fundación que leva o seu nome, encargada de “custodiar, conservar e difundir a Colección permanente” que o artista lalinense doou á nosa cidade. Podes ler este artigo da nosa revista de marzo para saber máis sobre o Ano Laxeiro.
PREMIO NACIONAL DE NARRATIVA CON ACENTO GALEGO… DE NOVO
O 25 de outubro anunciouse que Marilar Aleixandre gañara o Premio Nacional de Narrativa pola súa obra As malas mulleres. Nada en Madrid, en 1973 instalouse en Vigo, onde traballaba como mestra no Instituto Castelao, no Calvario. Curiosamente Aleixandre colle a remuda doutro autor galego e compañeiro seu na Editorial Galaxia, Xesús Fraga, quen se alzou con ese galardón o ano anterior por Virtudes (e misterios). O coruñés Ismael Ramos, pola súa banda, foi premiado co Premio Nacional de Poesía Joven. Cambiando de premios, a viguesa e tamén Premio Nacional Ledicia Costas alzouse co seu terceiro Premio Lazarillo por A lebre mecánica, e o herculino Manuel Rivas recibiu a final de ano a Medalla de Ouro das Belas Artes do Ministerio de Cultura. En definitiva, un gran ano para as nosas letras.
VIGO NAS MELODÍAS E NAS LETRAS
A nosa cidade segue a inspirar numerosas obras. No apartado musical, o mes pasado realizamos polo Día Internacional da Música un mapa localizando algunhas das moitas cancións que falan da urbe olívica, cunha lista de máis de 60 temas que percorren as rúas desde Rande ata Cíes. No eido literario, este ano viron a luz varias obras relacionadas con Vigo: Son da cidade, de Pablo Vázquez e Denis Carballás; Lucio Strada de Iago Losada e Alberto Mazorra; Pequena historia de Vigo, de Pedro Feijoo e Xosé Tomás; Folla con él, de Julián Hernández; 100 anos de historias do Celta, de Eduardo Rolland; Relatos na rúa 9, da Editorial Elvira; Ocho perros de Manuel Orío, Tranvías eléctricos de Vigo, de David Amoedo e Iria Vergara… Mesturando ambos mundos, aquí podes consultar unha escolma de toda a bibliografía existente sobre a música viguesa e galega.
SUSANA RODRÍGUEZ, PENTACAMPIOA DO MUNDO
A deportista paralímpica viguesa Susana Rodríguez Gacio gañou o pasado mes de novembro o Mundial de triatlón paralímpico, e xa van cinco veces. A este novo éxito podemos sumarlle outros moitos anteriores, como un ouro paralímpico e tres continentais. Se todo segue así, verémola nos Xogos de París 2024.
OFEITOAMÁN DI “ATA LOGO” A VIGO
Como diciamos ao comezo, non todas as novas foron positivas. A mediados de decembro confirmábanse os malos presaxios: a feira de artesanía máis recoñecida de Galicia, Ofeitoaman, non se celebraría este Nadal en Vigo por primeira vez en 37 anos de existencia. A Asociación Galega de Artesáns, os promotores do evento, non dubidan en sinalar a un único culpable: o alcalde da cidade Abel Caballero: “o deseño das festas definido polo Concello de Vigo non ofrece as condicións necesarias para desenvolver unha feira de Artesanía de calidade […], mentres favorece a actividade económica dunha empresa foránea cun modelo de negocio contraposto ao concepto que representa a artesanía”, declaraban nunha nota de prensa.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024