COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

‘Ollar’, a serie documental sobre fotografía galega con selo vigués

Producida pola compañía viguesa Adarme Visual, guionizada polo fotógrafo Jorge Lens e dirixida polo cineasta David Hernández, xa están dispoñibles os cinco primeiros episodios da serie documental Ollar,  Escolma da Fotografía Galega Contemporánea. Neles acompañaremos aos artistas Javier Teniente, Eva Díez, Raquel Calviño, Manuel Sendón e Miguel Vidal.

A fotógrafa viguesa Eva Díez | Adarme Visual

Ollar, Escolma da Fotografía Galega Contemporánea é un proxecto multimedia de divulgación da fotografía de autor en Galicia. Mediante unha serie de curtas documentais amósase o traballo artístico de diferentes fotógrafos e fotógrafas. Xurde da necesidade de crear unha plataforma audiovisual que poña en valor e difunda a obra dos fotógrafos e fotógrafas máis salientables da fotografía de creación en Galicia.

Entre os cinco primeiros seleccionados atopamos dous vigueses, Javier Teniente e Eva Díez, e un residente da nosa cidade, Manuel Sendón. Ademais, o guion e a dirección tamén corren ao cargo de dous artistas locais: Jorge Lens e David Hernández, respectivamente. O proxecto, actualmente completado por Raquel Calviño e Miguel Vidal, está aberto a seguir aumentando esta listaxe ata crear unha panorámica o máis ampla posible da fotografía galega contemporánea.

SONRIAS

As cinco pezas documentais destacan pola súa dirección elegante, cun gran traballo de son, fotografía e montaxe. Os autores e autoras falan coa voz en off das súas orixes, inquedanzas e métodos de traballo mentres a parte visual ilustra estas verbas. Unha mirada íntima e coidada a algúns dos nosos grandes creadores de imaxes actuais.