CIRCO DE NADAL
JORGE PARDO

Siniestro Total, corenta anos e dúas noites

O venres 6 e o sábado 7 de maio a banda máis importante da música viguesa, Siniestro Total, puxo punto final no Wizink Center de Madrid a 40 anos de traxectoria. Arroupados por case 25.000 persoas entre as dúas xornadas, os olívicos repasaron toda a súa discografía (agás La historia del blues) a través de 43 cancións.

Os dous concertos desta fin de semana de Siniestro Total tiñan tres particularidades que os facían únicos: o primeiro, e máis importante, é que foron os dous últimos recitais da banda; en segundo lugar, o espazo escollido foi o madrileño Wizink Center, no lugar dos vigueses Castrelos ou Balaídos; por último, a voz por antonomasia de Siniestro, Miguel Costas, volvía subirse ao escenario coa que foi a súa banda ata 1994 tras case tres décadas de ausencia. Sen dúbida, o reencontro da dupla Costas-Hernández era o principal atractivo (musical e icónico) deste adeus definitivo.

Cun lacónico “¡Buenas noches, Santander!” de Miguel Costas daba comezo o derradeiro concerto de Siniestro Total. E a escolla inicial non podía ser máis acertada: o potentísimo ‘Tan hermoso’, do disco Made in Japan (1993), abriu unha noite máxica e, si, tamén fermosa. Da mesma maneira que cada unha das estrofas do tema correspondía a un dos frontmen, Miguel e Julián foron intercalando a voz cantante ao longo da velada. ‘Rock en Samil’ e ‘Assumpta’, ambas protagonizadas polo estilo inconfundible de Costas, marcaron un inicio meteórico. ‘Ay, Dolores’ e o himno dos circuncidados, ‘Opera tu fimosis’, precederon a un dos temas máis celebrados da noite: ‘España se droga’, interpretada por un sempre expresivo Julián.

O ritmo non baixou con ‘Camino de la cama’, a fantástica ‘Todo por la napia’, ‘La paz mundial’ (un dos mellores temas da última etapa de Siniestro) e ‘Pueblos del mundo, extinguíos’, do álbum Me gusta como andas (1988). Ademais de Costas, outros antigos membros da banda tamén subiron ao escenario. O primeiro foi, ironicamente, Segundo Grandío, baixista da agrupación entre 1990 e 2000. O músico e dono do estudio de gravación Casa de Tolos demostrou a súa habilidade ás catro cordas no tema ‘Chusma’. Julián comentou co seu habitual sentido do humor que polo prezo da entrada ninguén esperaba ver dous baixistas á vez sobre o escenario, en referencia a Grandío e Óscar Avendaño, o seu sustituto no ano 2001.

‘Cultura popular’, do disco homónimo de 1997, retomou a ristra de cancións que nos tiñan preparadas, un total de 43. ‘Yo dije yeah’, cantada por Costas, foi coreada polas case 10.000 almas reunidas no gran recinto do barrio de Goya. ‘Vamos muy bien’ de Obús e ‘Diga qué le debo’ abriron un bloque no que Julián e Miguel cederon o micrófono a “dous rapaces do Calvario”, en palabras de Hernández: Xabier Soto e Óscar Avendaño, que interpretaron ‘Fuimos un grupo vigués’ (que seguro escoceu aos que aínda soñaban cun concerto en Vigo) e ‘Sobre ti’, respectivamente.

REVISTA NOVEMBRO

‘Tipi, dulce tipi’e ‘Chico de ayer’, un dos últimos lanzamentos de Siniestro, deron paso á segunda colaboración da noite. Tímido, sinxelo e rompendo o código de vestimenta total black cunha camiseta a raias, Alberto Torrado (baixista entre 1981 e 1987) interpretou con paixón ‘Tumbado a la bartola’. Con ‘Nocilla, ‘qué merendilla!’ (canción que inspirou o título do libro Nocilla Dream de Agustín Fernández Mallo) chegamos ao ecuador do concerto. Sen ser nada grave, esta parte baixou un pouco o ambiente incendiario do espectáculo, con temas como ‘Naturaleza’, ‘Mario (encima del armario)’, ‘Todos lo ahorcados mueren empalmados’ e ‘Oye nena soy artista’. Tras un pequeno teatrillo no que amagaban (máis ben ameazaban) con tocar unhas cancións en acústico, Julián destrozou a guitarra española ao máis puro estilo Pete Townshend ou Kurt Cobain.

As seguintes en soar foron ‘Joder, Cristina’ (dedicada á infanta), ‘Matar jipis en la Cíes’, ‘Bésame, soy gallego’ e ‘Vámonos al Kwai’ (bar madrileño moi frecuentado polos músicos nos anos oitenta). Julián dedicou un espazo a lembrar a algunhas persoas achegadas á banda que xa non están: o produtor Joe Hardy, El Reverendo, Pepo Fuentes… con mención especial a Germán Coppini, primeiro vocalista de Siniestro Total e compositor do tema ‘Ponte en mi lugar’, o debut dos vigueses na radio estatal. Catro temas despois, entre eles ‘La sociedad es la culpable’, Julián extendeuse en exceso cos agradacementos, cun público ao que xa lle doían as mans de tanto aplaudir. Por sorte, o inicio do fin viña cargado de grandes cancións: ‘Cuanta puta y yo que viejo’, ‘Ayatollah’ e o himno oficioso de Galicia, ‘Miña terra galega’, sorprendentemente cantada por Julián en lugar de Costas.

Cos bises (exentos desa parvada tan habitual de saír e volver a entrar) chegou a traca final, as últimas cinco cancións en directo da historia de Siniestro Total: ‘Alégrame el día’, ‘Menea el bullarengue’, ‘Bailaré sobre tu tumba’, a repousada ‘¿Quiénes somos?’ e a súa resposta, ‘Somos Siniestro Total’, versión do mítico ‘Highway to Hell’ de ACDC. Dúas horas e media e case cincuenta cancións despois, o derradeiro show dos olívicos chegaba ao seu final. Malia que todos os músicos estiveron a gran nivel, o son (especialmente nas primeiras filas) non era o óptimo para unha xornada tan importante. O tándem Hernández-Costas, profesional pero distante entre si, fixo vibrar a case 25.000 persoas en dúas noites de adeus festivo. Famosos da talla de Luis Tosar, El Gran Wyoming, Jorge Coira, Eva Hache, Manuel Rivas, Julio Ruíz, Xabier Fortes, Álvaro Benito, Javier Rey, Gonzo ou Marta Larralde non quixeron perderse a cita. Na pantalla xigante líase “Lo sentimos mucho, no volverá a ocurrir”, pechando a porta, en principio, a un derradeiro concerto en terras viguesas. Polémicas territoriais á parte, a banda máis importante de Vigo, e quizais de Galicia, finalizaba 40 anos de éxito e irreverencia. E o máis importante, sen pisar a Audiencia Nacional.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.