COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Ofeitoaman non se celebrará en Vigo por primeira vez en 37 anos

A feira de artesanía máis recoñecida de Galicia, Ofeitoaman, non se celebrará este Nadal en Vigo por primeira vez en case catro décadas de existencia. A Asociación Galega de Artesáns, os promotores do evento, non dubidan en sinalar a un único culpable: o alcalde da cidade Abel Caballero.

A artesanía galega, e os seus amantes, están de loito. Así o mostra a necrolóxica creada pola Asociación Galega de Aretsáns (AGA), na que lamentan a “morte” de Ofeitoaman, a feira de artesanía máis famosa de Galicia que se viña celebrando en Vigo desde hai 37 anos. Nela, acompañado dunha cruz e das siglas DEP, pode lerse “Vigo, 37 anos despois, Abel Caballero apáganos a luz da Feira de Artesanía”. Segundo indica a asociación na nota de prensa, “o deseño das festas definido polo Concello de Vigo non ofrece as condicións necesarias para desenvolver unha feira de Artesanía de calidade organizada por e para os artesáns da contorna de Vigo e do resto do país, mentres favorece a actividade económica dunha empresa foránea cun modelo de negocio contraposto ao concepto que representa a artesanía”.

Agora definitiva, esta nova xa era coñecida desde hai uns meses, cando os organizadores do evento declararon non estar satisfeitos coa última localización (nun lateral do Cíes Market), coa duración do mercado (dous meses) e coa negativa por parte do Concello a permitirlles mudarse á praza de Vialia. Xa o ano pasado o acordo se pechou no último momento, e quizais porque o eslogan afirmaba que eran “Artesáns con luz propia”, diversos fallos técnicos fixeron que a súa zona do mercado estivese case a escuras. Ao longo das súas case catro décadas de vida, Ofeitoaman pasou por diferentes puntos da cidade, como o Mercado do Progreso, a Alameda, a Estación Marítima, a Praza da antiga Estación do Tren e na terraza do Centro Comercial A Laxe.

No texto enviado a medios engaden que agardan “que no futuro os valores que representa a Artesanía teñan dabondo importancia no eido local como para poder retomar unha celebración que atenda aos intereses e necesidades do sector e poida levar ao público nunhas datas sinaladas coma estas unha oferta de produtos artesáns de calidade, con orixe recoñecible, con autoría, sostibles, de proximidade, diferentes e orixinais”.

SONRIAS
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.