CAMELIAS MASCOTAS

Arepas da Ría, Galicia e Venezuela nun bocado

Na historia vital de Lyset Machado hai sempre un mar de por medio. Venezolana, chegou a Galicia hai 20 anos, acompañada do seu marido e os seus fillos. Pasou case oito anos en Cangas, desde onde cruzaba a ría a diario para facerse cargo da cafetería do instituto Coia 4. En 2018 decidiu dar forma ao proxecto que levaba na súa cabeza desde que chegou aquí: abrir a súa propia arepería. Tras probar o seu éxito nas festas de Coia daquel verán, lanzouse.

Ese ir e vir forma agora parte da imaxe a a esencia de Arepas da Ría, o restaurante de cociña venezolana fusionada con ingredientes galegos que Lyset abriu hai ano e medio no número 22 da rúa Martín Echegaray, a dous pasos da rotonda do barco de Coia. “Este leva sendo o meu barrio desde que cheguei a Vigo, aquí están os meus amigos e quería quedar nel. Ademais, a cidade conta xa con restaurantes de cociña venezolana no centro”. Iso é certo, pero no negocio de Lyset hai algo diferente: a vontade de innovar e de incorporar o aprendido nas cociñas galegas á súa propia, así como unha forte esixencia na calidade de todo o que sae da súa pequena cociña transoceánica. 

O inicio non foi fácil. “Aos galegos cústalles adaptarse a novos sabores e, nun principio, as arepas non encantan, para eles teñen moita masa”. Por iso Lyset probou e probou ata dar cunha versión máis fina e crocante que cociña no forno en lugar de fritir, o procedemento habitual en Colombia e Venezuela, países onde máis se consume esta especie de sándwich feito no momento con fariña de millo. Para os recheos decidiu crear algúns de aquí e outros de alá. Para os menos aventureiros, as opcións da ría inclúen polbo, xamón asado, lagostinos e carrilleiras e levan nomes como Pinténs, Berbés, Udra ou Reina da ría. Nas opcións propias de Venezuela atopamos a Reina pepiada, moi popular nos almorzos caribeños e reenchida de polo, maionesa e aguacate; a Catira, con polo mechado e queixo amarelo; ou a Llanera, con picaña, aguacate, tomate e queixo llanero no seu interior. Contra o que poida parecer, estes bocadiños requiren dun laborioso proceso na cociña. Desde facer a masa, ata guisar e desfebrar pacientemente as carnes dos recheos ou elaborar as salsas coas que acompaña os petiscos. O delicioso resultado dá boa conta das horas, o cariño e a sabedoría que Lyset emprega na cociña.

As arepas son o prato forte, pero non o único que sae da cociña de Arepas da ría. Na carta atopamos tamén todo tipo de entrantes venezolanos caseiros: tequeños, un aperitivo moi popular en sudamérica consistente en pauciños de masa reenchida de queixo; a yuca fritida ou os tostones, chips de plátano verde con ou sen condimentos. Tamén é posible comer pabellón e asado negro, dous dos pratos combinados máis populares do outro lado do Atlántico, que conteñen carne guisada, arroz, alubias, plátano, queixo e arepas pequeniñas fritidas. Para coroar o festín espérannos o brownie, a torta de limón ou a tres leches feitas na casa. Paga a pena deixar oco para desfrutar da arte reposteira de Machado, que sorprende cada semana con novas incorporacións á carta doce.

Arepas da ría a domicilio

REVISTA NOVEMBRO

Horario:
Luns, mércores e domingo – 12:30 a 15:30
Luns, mércores, xoves e domingo – 19:00 a 23:00
Venres e sábado – 19:00 a 23:00

Arepas da Ría non traballa con ningunha plataforma, é o marido de Lyset quen realiza os transportes. Deste xeito, asegúranse de que sempre cheguen quentes e no tempo indicado. Os pedidos poden facerse a través da súa web https://arepasdaria.com/ ou no teléfono 643 85 40 12.

Teñen un 10% de desconto para comandas entre semana.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.